O motor invade as estradas da xeografía galega esta fin de semana

Haberá carreiras en Moeche, As Pontes e Ribadumia 
Os karts tomarán As Pontes. (Foto: FGA).
photo_camera Os karts tomarán As Pontes. (Foto: FGA).

Os e as fans do automobilismo están de parabéns, pois esta fin de semana disputaranse na Galiza até tres carreiras do máximo nivel: o Rallymix de Ribadumia (O Salnés), o Slálom de Moeche (Ferrolterra) e o Karting das Pontes (Eume). 

A primeira destas probas estenderase ao longo do sábado e do domingo, e está enmarcada nun Campionato Xunta da Galiza que chega ao seu ecuador cunha cita que retorna ao calendario logo dun ano de parada e que terá unha das mellores listas de inscritas de toda a tempada, con máis de 50 carcross na clase 'A' -na que parte como favorito Alfonso 'Pisko' Ventín- e outros 50 vehículos na clase 'B', onde pelexarán polo triunfo parellas como Manuel Osorio-Alberto Dos Reis, Iago Caamaño-Alberto Rodríguez, Paco Dorado-Andrea Lamas ou os irmáns Tino e Jorge Iglesias.

Con respecto á segunda, o Campionato Galego de Slálom chega a Moeche para desenvolver a súa quinta etapa puntuábel na que é a novena edición dun evento que modificará o seu percorrido substancialmente con respecto ao ano 2023 para ter lugar, integramente, polas rúas da localidade.

Segundo explicou a organización, serán "máis de 70" os equipos presentes, e no referente aos horarios este sábado levaranse a cabo as verificacións e a primeira das mangas, concluíndo esta Slálom de Moeche o domingo coas dúas últimas mangas.

E, finalmente, a última nesta terna de carreiras é un Karting das Pontes que tamén decorrerá ao longo de ambos os días da presente fin de semana, contando este ano co atractivo engadido do "récord de participantes" confirmado pola organización.

Serán, en total, 84 as escuderías que tratarán de sumar puntos de cara ao Campionato Galego nunha carreira que, nas súas categorías superiores, está programada o domingo.

Comentarios