O Rácing completa a súa liña de ataque co 'tanque' Eneko Jauregi

O Deportivo, pola súa parte, presentou oficialmente Álex Petxarroman.
Após medrar na canteira da Real Sociedade, Jauregi leva dous anos brillando no Amorebieta. (Foto: SD Amorebieta).
photo_camera Após medrar na canteira da Real Sociedade, Jauregi leva dous anos brillando no Amorebieta. (Foto: SD Amorebieta).

O Rácing de Ferrol, un dos dous representantes da Galiza na Segunda División -xunto co recentemente ascendido Real Club Deportivo da Coruña-, confirmou durante esta quinta feira unha fichaxe de alto nivel: a do dianteiro vasco Eneko Jauregi.

Esta é a novena incorporación que completan os Diaños Verdes  no que vai de verán -logo das de Yoel Rodríguez, Jesús Ruíz, Álvaro Sanz, Chiky Borrego, Aleska Puric, Aitor Buñuel, Josué Dorrio e Erick Cabaco-, o que garante que os seus seareiros e seareiras verán un conxunto moi diferente ao que abraiou durante boa parte da tempada 2023/24, pois no apartado de baixas xa acumulan até 17, algunhas tan importantes como as de Ander Cantero, Jon García, Héber Pena, Jesús Bernal ou Iker Losada, pezas chave nos esquemas do técnico Cristóbal Parralo. 

Volvendo a Jauregi, este natural de Muxica (Biscaia) vivirá a súa primeira experiencia en terras galegas aos seus 28 anos, a onde chega cunha importante bagaxe ás súas costas, especialmente nas categorías de prata e bronce estatais.

O seu robusto físico, cunha altura superior ao metro con oitenta (1,87) e máis de 80 quilos de peso, unido ao seu espírito loitador na área rival e a facilidade para ver gol, fixérono destacar na canteira da Real Sociedade -onde chegou en 2015 procedente do Gernika-, coa que disputou 75 partidos e anotou 15 tantos ao longo dos tres anos nos que defendeu as cores txuri-urdin.

Despois, tras non atopar un oco no primeiro equipo donostiarra, en 2018 iniciou unha peregrinación por formacións como o Córdoba, Levante, o Asteras Trípoli grego, UCAM Murcia, Lleida e San Sebastián de los Reyes, onde non acabou nunca de reivindicarse como un futbolista importante... até o seu regreso a 'casa'  en 2022 da man do Amorebieta.

Alí volveu á súa mellor versión, marcando 15 goles que foron fundamentais para o ascenso dos urdinak. Porén, un ano máis tarde, pese a meter seis goles, non puido facer nada para evitar o descenso do seu equipo, aínda que el seguirá xogando en Segunda, agora no Rácing. 

Álex Petxarroman, polivalencia para a parcela defensiva do Dépor

De vascos foi a cousa esta quinta feira no fútbol galego, demostrando o bo momento que está vivindo o deporte rei en Euskadi estes últimos anos. Porque se Eneko Jauregi xa é racinguista, o Dépor vén de presentar oficialmente a súa segunda fichaxe estival, o lateral dereito de 27 anos Alexander, 'Álex', Petxarroman, que engrosou as filas do filial da Real Sociedade o mesmo verán en que fixo as maletas o novo dianteiro dos Diaños Verdes.

Acompañado polo director de fútbol branquiazul, un Fernando Soriano que recoñeceu que ten en mente completar polo menos outras cinco incorporacións -un porteiro, un lateral esquerdo, un centrocampista e dous homes para a parcela ofensiva-, Petxarroman destacou a súa "polivalencia", explicando que pode actuar "sen problema" en todas as posición da defensa. 

Comentarios