Juan Carlos Escotet compaxinará a Presidencia de Abanca coa do Dépor

O Consello de Administración do RC Deportivo tamén incorporará Massimo Benassi, Marta Fernández Currás e Benito Couceiro como novos conselleiros e conselleiras, unha vez finalice a execución da ampliación de capital en curso que foi aprobada na Xunta Extraordinaria do pasado 26 de xuño.
O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Foto: M. Dylan / Europa Press).
photo_camera O presidente de Abanca, Juan Carlos Escotet (Foto: M. Dylan / Europa Press).

O Consello de Administración do RC Deportivo proporá Juan Carlos Escotet Rodríguez, presidente de Abanca, como presidente do Club, e incorporará Massimo Benassi, Marta Fernández Currás e Benito Couceiro como novos Conselleiros, unha vez finalice a execución da ampliación de capital en curso que foi aprobada na Xunta Extraordinaria do pasado 26 de xuño.

O acordo do Consello de Administración para cubrir as vacantes de Álvaro García Diéguez e Alex Bergantiños polo procedemento de cooptación levarase a cabo a finais de agosto. Posteriormente, o órgano reitor do Club elevará á Xunta Xeral de Accionistas, que decorrerá o próximo mes de decembro, a proposta de ratificación dos Conselleiros designados.

De tal modo que o Consello de Administración do RC Deportivo, tras os trámites oportunos, estará composto por Juan Carlos Escotet Rodríguez, que será o presidente do Club; Michelle Clemente, que ocupará a Vicepresidencia; Massimo Benassi, que entrará como conselleiro delegado, e como conselleiras e conselleiros Marta Fernández Currás, Benito Couceiro, Carlos Ballesta e Vicente Fernández.

O novo Consello de Administración, presidido por Juan Carlos Escotet Rodríguez, conxuga profesionais do mundo do deportivismo e do deporte, como a vicepresidenta e ex futbolista do Dépor, Michelle Clemente; o ex futbolista e técnico do Dépor Carlos Ballesta, e o adestrador e preparador físico Vicente Fernández, con expertos e expertas en postos de liderado e alta xestión, como Massimo Benassi, Marta Fernández Currás e Benito Couceiro.

A vicepresidencia de Michelle Escotet pretende ser mostra da aposta do RC Deportivo polo fútbol feminino. A entrada de Benito Couceiro e Marta Fernández Currás significa a incorporación de dous profesionais que reforzarán a xestión financeira e as relacións institucionais do Club, sinala a entidade.

O nomeamento de Massimo Benassi como Conselleiro Delegado reforzará a súa posición como principal executivo da entidade, en tanto que a continuidade do Conselleiro Carlos Ballesta supón a permanencia dun histórico representante do deportivismo.

Juan Carlos Escotet Rodríguez é economista. Preside Abanca e é fundador e presidente de Banesco Internacional. Massimo Benassi é licenciado en Dereito con especialización en Dereito Deportivo. Na actualidade é director xeral do RC Deportivo.

Marta Fernández Currás é licenciada en empresariais e inspectora de facenda. Ex conselleira de Facenda da Xunta da Galiza. Na actualidade é conselleira independente de Ecoener. Benito Couceiro Naveira é doutor en dereito e profesor universitario. É director das áreas de Operacións de Capital Humano e Socios de Negocio de Servizos Centrais de Abanca e responsábel de Relacións Laborais.

Comentarios