O Battipaglia, rival do Baxi Ferrol na previa da Euro Cup

A ida será o 19 de setembro e a volta o día 26.
Momento do sorteo no que o Baxi coñece o nome do seu rival. (Foto: Baxi Ferrol).
photo_camera Momento do sorteo no que o Baxi coñece o nome do seu rival. (Foto: Baxi Ferrol).

Xa queda menos para o debut do Baxi Ferrol na prestixiosa Euro Cup Women.

A escuadra galega coñeceu esta quinta feira o nome do seu rival na fase previa da competición nun sorteo desenvolto na localidade alemá de Múnic. Alí, a man inocente emparellou o Baxi co Battipaglia italiano, conxunto que disputa os seus partidos na casa no municipio homónimo, situado na rexión de Campania, a menos dunha hora en automóbil de Nápoles.

Segundo revelou a organización, o primeiro encontro da eliminatoria -configurada a dobre partido- será en Italia o 19 de setembro, mentres que a volta desenvolverase na Galiza o 26 do mesmo mes, nun horario aínda por determinar en ambos os casos.

O equipo que saia vitorioso deste último corte entrará por dereito propio na fase de grupos dunha Euro Cup que arrancará en outubro e na que as súas rivais serían a Sportiva/AzorisHotels de Portugal;  o Kp Tany Brno da República Checa; e o sempre perigoso Galatasaray turco, pese a que na 2023/24 rematou na quinta posición da KBSL Women otomá, moi lonxe da loita por un título que levou o seu eterno rival, o Fenerbahçe Spor Kulübü.

Millán Jiménez xa é xogador do Obradoiro

Sen deixar o deporte da canastra, mais movendo o foco á súa modalidade masculina, o recentemente descendido Monbus Obradoiro conta cun novo reforzo de cara a intentar asaltar o ascenso á ACB.

Trátase de Millán Jiménez, quen chega á capital do país en calidade de cedido polo Valencia Basket, aínda que o seu último destino foi o San Pablo Burgos da LEB Ouro, onde tamén estivo a préstamo.

Alí, este internacional en categorías inferiores de 1,99 metros de altura anotou de media 7,3 puntos, capturando 3,6 rebotes e repartindo 1,1 asistencias nos 32 partidos en que participou.

 

Comentarios