Gonzalo Rodríguez confirma que a súa meta é ascender o Obradoiro

O novo técnico do conxunto capitalino é ambicioso.
Héctor Galán, Raúl López e Gonzalo Rodríguez. (Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera Héctor Galán, Raúl López e Gonzalo Rodríguez. (Foto: Monbus Obradoiro).

O Monbus Obradoiro presentou oficialmente esta quinta feira o home encargado de comandar o novo reto do conxunto de Santiago de Compostela na segunda categoría do baloncesto masculino estatal, a LEB Ouro.

Acompañado polo presidente do club, Raúl López, e o director xeral da escuadra capitalina, Héctor Galán, o que fora asistente de Moncho Fernández durante 14 tempadas confirmou na súa quenda de palabra que o obxectivo de cara á tempada 2024/25 non é outro que ascender, mais precisando que non todo depende da súa vontade.

"No mundo do deporte non podes controlar todas as variábeis, porque ás veces queres subir e, no partido decisivo, tes dous xogadores enfermos", explicou, antes de engadir que, polo contrario, do Obradoiro si que depende "fichar ben, traballar correctamente cada día, actuar o mellor que se poida sobre a pista e converter os xogadores nun equipo con boa mentalidade". 

"Se facemos ben todo iso haberá unha consecuencia, que no reto xeral, no soño deportivo, será moi difícil que falles", apuntou, apostilando que para el dirixir o Obra é "o máximo".

Pola súa parte, Raúl López puxo en valor o "traballo, humildade e lealdade" que caracterizou o desempeño do flamante técnico obradoirista ao longo das últimas campañas, revelando, ademais, que escolleu Gonzalo Rodríguez pese a ter "un feixe de nomes de adestradores enriba da mesa".

"Coñece a casa, a nós tamén, e sabemos da súa implicación polos 14 anos que levamos xuntos. Por todo iso, estamos convencidos de que chegou o seu momento, froito do seu traballo incansábel, do seu alto coñecemento tanto técnico como táctico, da súa gran capacidade de comunicación e da súa proximidade aos xogadores e á afección, que sei que o acollerá con moito cariño", concluíu.

Luize Sila, primeira incorporación do Celta

24 horas despois de que o Baxi Ferrol, unha das tres formacións do país na elite do baloncesto feminino estatal, confirmase a súa primeira fichaxe, o bloque celeste fixo o propio no día de onte con Luize Sila.

A ala-pivote letoa, que fora determinante para que o club lograse o ascenso en 2023, regresa a Vigo logo de ser campioa da liga da súa patria e disputar a Eurocup co TTT Riga.  

Comentarios