Gonzalo Rodríguez colle a remuda de Moncho Fernández á fronte do Obradoiro de baloncesto

O técnico compostelán dirixirá o novo proxecto en LEB Ouro da escuadra capitalina
O obxectivo de Rodríguez no Obra non será outro que o regreso á máxima categoría masculina. (Foto: Monbus Obradoiro).
photo_camera O obxectivo de Rodríguez no Obra non será outro que o regreso á máxima categoría masculina. (Foto: Monbus Obradoiro).

Chegou a hora da verdade para Gonzalo Rodríguez. Aos seus 48 anos, o eterno asistente de Moncho Fernández colle a remuda e desde a tarde desta cuarta feira é o primeiro adestrador do Monbus Obradoiro logo de 14 anos á sombra do seu predecesor.

Ese traballo escuro pero efectivo, que o levou a ser distinguido -xunto co seu compañeiro Víctor Pérez- na última edición dos Premios Santiago Deporte, é o seu mellor aval para liderar o novo proxecto da formación capitalina na LEB Ouro, logo da consumación do seu descenso da elite masculina estatal hai apenas tres semanas. Por suposto, o obxectivo nesta nova era obradoirista non será outro que o ascenso directo.

Charlie Moore reforza o Leite Río Breogán

O que foi xunto co Obradoiro o único conxunto galego na ACB durante a tempada 2023/24 que vén de baixar o pano, Leite Río Breogán, oficializou a fichaxe do base estadounidense Charlie Moore.

Aos seus 26 anos, chega coa bitola de ser un dos potenciais líderes da escuadra da cidade da Muralla, como acredita o seu gran rendemento no seu anterior  equipo, o Pistoia italiano, onde materializou de media 17,5 puntos por partido, repartindo, ademais, 5'3 asistencias. Con anterioridade, o de Chicago defendeu as cores de California, Kansas, DePaul e Miami na NCAA. 

Carlota Menéndez asina polo Baxi Ferrol

O conxunto galego, un dos tres representantes do país na máxima categoría feminina estatal xunto co Durán Maquinaria Ensino e o Celta Zorka Recalvi, comeza a configuración do seu cadro de xogadoras coa incorporación de Carlota Menéndez.

A base andaluza de 21 anos dá o salto á elite logo de militar durante as súas últimas campañas no Zamora da Liga Challenge, a onde chegou logo de medrar en clubs como Úbeda, Linares, Estudiantes -co que conquistou o Campionato de España Júnior- e o Milar Córdoba.

O que será o seu técnico, Lino López, destacou dela a súa capacidade para "defender todo o campo", as súas "boas pernas para condicionar as bases rivais" e "o seu potencial á hora de desequilibrar no un contra un".

Comentarios