Débora e Carolina, poderío luso para o Burela de Fútbol Sala

Presentadas dúas caras novas no vixente campión ligueiro.
Débora e Carolina, posando coa bufanda do Burela. (Foto: Pescados Rubén Burela).
photo_camera Débora e Carolina, posando coa bufanda do Burela. (Foto: Pescados Rubén Burela).

A pesar da perda do Viaxes Amarelle da Coruña, que non puido evitar o descenso a Segunda, a Primeira División de Fútbol Sala Feminino volverá ser a categoría de elite estatal na que a representación da Galiza conte con maior peso, un total de cinco sobre 16: Poio Pescamar, Marín Futsal, Ourense OnTime, O Castro Bloques Cando e Pescados Rubén Burela

Esta última escuadra, vixente campioa e gran dominadora dun torneo da regularidade que levantou catro veces nos últimos cinco anos, ten como unha das chaves do seu éxito o ser quen de reinventarse tempada tras tempada, para o cal resulta fundamental unha acertada política de fichaxes.

Nesta ocasión optou por dar continuidade a unha das súas sinais de identidade, que é 'pescar' nos caladoiros da lusofonía, presentando oficialmente esta terza feira as futbolistas portuguesas Carolina Assís Olim Mendoça Pedreira e Débora Marisa Fernandes Lavrador.

A primeira, de só 22 anos, conta no seu palmarés co Mundial Universitario Feminino de Fútbol Sala, e a campaña pasada destacou no veciño Marín logo dunha de brillar no Sporting de Lisboa. Titular indiscutíbel na posición de ala, achegou 13 tantos en 35 partidos oficiais, tornando na segunda máxima realizadora da formación pontevedresa. 

"Veño ao mellor equipo do mundo, no que calquera xogadora soña con estar, un lugar onde podo aprender moito e gañar títulos. Agardo poder ser unha máis e ser quen de axudar coa miña calidade e visión de xogo", manifestou.

Precisamente, a única muller que marcou máis goles que Carolina no Marín durante a 2023/24 foi a outra cara nova laranxa, Débora Lavrador, con 23 tantos en 23 encontros desde o posto de pivote, mais a lusa tamén quere sumar "asistencias e caneos" no Burela.  

Comentarios