París 2024

Balance dos Xogos de París: cinco bronces e once diplomas, éxito ou fracaso do deporte galego?

O rendemento no atletismo e o piragüismo non estivo á altura das elevadas expectativas que se xeraran, mais o deporte de elite é dificilmente predicíbel e todo (ou nada) pode esperarse duns Xogos Olímpicos.
Cerimonia de clausura dos Xogos Olímpicos de París 2024, este domingo, no Stade de France. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera Cerimonia de clausura dos Xogos Olímpicos de París 2024, este domingo, no Stade de France. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Este domingo, unha vez concluída a cerimonia de clausura, rematan oficialmente os Xogos Olímpicos de París 2024, os primeiros que Nós Diario cubriu en primeira fila para dar voz e pór en valor todas e todos os deportistas do país que participaron —máis dunha trintena, contando as deportistas galegas de alto nivel (DGAN)—, e agora é o momento de facer balance.

Chegabamos a París cunhas expectativas moi altas, coa maior representación do deporte galego da historia —26 atletas da Galiza e mais outras seis naturais doutros territorios do Estado español pero que compiten con licenza galega ou a Xunta considera DGAN— e co ambicioso obxectivo de superar os seis metais de Toquio 2020 —tres pratas e tres bronces— aos que se sumaron outros nove diplomas, o mellor resultado de sempre. Mais no deporte de elite hai moitas variábeis e non abonda con chegar co cartel de favorito ou favorita, e finalmente non se puido materializar ese crecemento.

Grandes éxitos no 'corpo a corpo'

Foron, en total, cinco medallas —se contamos a do judoka madrileño pero considerado DGAN Fran Garrigós—, todas de bronce, e outros once diplomas olímpicos. O primeiro representante do deporte galego en subir ao podio foi o propio Garrigós, que puxo a guinda a un excelente torneo na categoría masculina de -60 kg vencendo o xeorxiano Guiorgui Sardalashvili no combate polo bronce. Foi o sábado 27 de xullo, no primeiro día oficial de competición.

Precisamente no judo había varias opcións, se ben algunhas máis complicadas que outras, de sumar no palmarés galego, mais só se puideron engadir á xesta de Fran Garrigós dous diplomas: o de Laura Martínez —madrileña considerada DGAN—, que foi quinta e quedou ás portas do bronce en -48 kg ese mesmo día, e o de Nikoloz Sherazadishvili, quinto tamén en -100 kg após vencer o vixente campión olímpico no seu peso, o xaponés Aaron Wolf, nun choque que lle valeu o billete ao combate polo terceiro posto —que finalmente perdeu—.

A segunda medalla asegurouna o boxeador galego, orixinario de Cuba pero afincado na Coruña, Enmanuel Reyes Pla, que puido redimirse do mal sabor de boca que lle deixara o diploma de Toquio 2020, onde caeu en cuartos de final por unha decisión do xurado que considerou polémica, e meteuse nas semifinais derrotando desta volta nesa mesma rolda o belga Victor Schelstraete. Non conforme, foi a por todas na semifinal na que quedara encadrado co azerí —tamén nado en Cuba— Loren Alfonso, mais a pesar do seu bo facer no ring os xuíces déronlle o pase á final ao seu rival.

Sabor agridoce na auga (a de Vaires-sur-Marne, non a do río Sena)

Nesa mesma semana escaparon os metais no remo, onde tanto o moañés Rodrigo Conde no dobre scull —canda o catalán Aleix García— como o noiés Caetano Horta na categoría lixeira —xunto ao tamén catalán Dennis Carracedo— non lograron finalmente subir ao podio. Horta caeu en semifinais, o que supuxo un duro revés para el, mais asinou un segundo posto na final B que lle outorgou un meritorio diploma, o segundo para el tras o que obtivera en Toquio. E Conde, pola súa parte, si entrou na final polas medallas, mais foi quinto. Levar metais no remo, con todo, presentábase de antemán como unha misión moi complicada para os galegos.

Nesta última semana de Xogos había novas oportunidades no estadio náutico de Vaires-sur-Marne, pero a fortuna non acompañou a delegación galega. Empezou a semana co tomiñés Manu Ochoa, que debutaba como olímpico na novidosa proba de caiac cross, caendo en cuartos de final por descualificación —os xuíces interpretaron que saltara a última porta— nunha carreira na que se impuxera mesmo ao vixente campión mundial, o británico Joseph Clarke, e que o certificaba como un serio aspirante ao título.

E continuamos ilusionándonos de novo co piragüismo sprint logo de asinar unha estrea inmellorábel: todas e todos os representantes da Galiza superaron a primeira rolda nas diferentes probas nas que participaban. Empezou de forma inmellorábel o 'día D', a pasada quinta feira, unha xornada na que tiñamos até tres opcións de medalla, coa sorpresa do debutante Diego Domínguez, que canda o balear Joan Antoni Moreno non só se meteu na final senón que gañou un meritorio bronce.

Acto seguido, pasados uns poucos minutos, colocábase na liña de saída o K4 500 capitaneado pola veterana Teresa Portela, que disputaba a súa sétima final nos seus sétimos Xogos Olímpicos, pero ela e as súas compañeiras —a pontevedresa Carolina García, a asturiana con licenza galega Sara Ouzande e a estremeña Estefanía Fernándeznon puideron pasar do sexto posto nunha regata dominada pola neozelandesa Lisa Carrington, que agrandou a súa lenda logrando outros dous ouros máis nos dous días posteriores —en toda a súa carreira acumulou oito—. Malia as expectativas que puidesen xerarse, porén, non era doado meterse na loita polos metais.

Satisfeitas a medias con ese diploma volveron montar ao día seguinte no caiac Ouzande e García, neste caso no K2 500, onde non tiñan un obxectivo tan alto como no K4 pero no que intentaban igualmente redimirse. Quedaron por pouco fóra da loita polos metais e na final B tiveron unha amarga despedida: a embarcación envorcou a poucos metros da meta e non puideron rematar a regata.

Antes diso, para pór o ramo ao primeiro día de finais no piragüismo sprint, o betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade, prata en Toquio no K4 500 canda Saúl Craviotto e Marcus Cooper, saían a por todas nestes Xogos e ben puideron levar o ouro, mais nos metros finais da regata decisiva impuxéronse tanto a vixente campioa, Alemaña, como Australia, deixándoos cun bronce que primeiro pareceu non convencelos pero que acabaron asegurando que lles sabía "a ouro". Repetiron tamén no K2 500 e non lograron, por moi pouco, o pase á gran final, mais foron primeiros na final B.

E pasando do caiac á canoa todos os ollos estaban postos na pontevedresa Antía Jácome, quinta en Toquio no C1 200, a súa proba fetiche. O seu nome aparecía nas quinielas tanto desta modalidade como do C2 500, que compartía con María Corbera. Pero desta tampouco foi a medalla: sextas no C2 500 e cuarta, Jácome en solitario, no C1 200. Dous diplomas que non foron metais por diferenzas irrisorias de tempo e que deixaron a galega máis que orgullosa do seu traballo e convencida de que algún día, máis cedo que tarde, si a veremos no alto do podio olímpico. Tamén contento marchou da súa primeira cita olímpica o padexeiro pontevedrés Pablo Crespo, que caeu en semifinais do C1 1.000 e foi cuarto na final B.

O quinto bronce, sobre a bucina

O quinto e derradeiro metal para o deporte galego foi o bronce que colgou este mesmo domingo do seu pescozo o porteiro de balonmán cangués Rodrigo Corrales, o segundo para el após o de Toquio. A selección estatal masculina venceu Eslovenia pola mínima (23-22) no partido polo terceiro e cuarto posto, logo de caer en semis pola mesma diferenza (25-24) ante Alemaña.

As sorpresas, para ben e para mal, no atletismo

Non se cumpriron os prognósticos no atletismo, comezando por unha Ana Peleteiro que viaxaba a París co obxectivo do ouro e acabou sendo sexta nunha final de triplo salto moi complexa marcada pola choiva. Só oito centímetros separaron a atleta de Ribeira do bronce, mais ela mesma admitiu que aspiraba a moito máis que ao diploma que levou.

Sorprendente foi tamén a eliminación de Adrián Ben antes das semifinais do 800. Escapoulle o billete na primeira rolda e non o conseguiu tampouco a través dun cuestionado sistema de repesca contra o que cargou con rotundidade en varias ocasións.

Neste apartado, con todo, cómpre salientar a boa actuación da lanzadora de xavelina Yulenmis Aguilar, que non só se coou na final senón que coroou o seu paso por París cun diploma —foi sexta— que poucas persoas podían presaxiar antes dos Xogos.

Dous diplomas máis en deportes de equipo

Voltando aos deportes de equipo, había moitas esperanzas depositadas na selección estatal de fútbol feminino, coa pontevedresa Teresa Abelleira, que chegaba co cartel de campioa do mundo e da Liga das Nacións da UEFA e despois de xerar moitas dúbidas en cuartos ante Colombia, nun partido que se acabou decidindo nos penaltis, foi duramente derrotada por Brasil (4-2) en semis e perdeu tamén o partido polo bronce (1-0) ante Alemaña. Abelleira, con todo, marcha co diploma de cuarta clasificada.

E tamén con diploma, pero quintas, marchan as galegas Paula Ginzo e María Araújo após caeren en cuartos coa selección estatal de baloncesto feminina contra Bélxica (79-66).

Comentarios