O porteiro cangués Rodrigo Corrales marchará de París igual que hai tres anos en Toquio: cunha medalla de bronce colgada do pescozo. Foi un duro revés para a selección do Estado español de balonmán caer nas semifinais ante Alemaña pola mínima (25-24), nun partido aberto até os últimos minutos, pero malia non lograr coarse na gran final e loitar polo ouro o desenlace foi positivo.
O guión da final polo bronce deste domingo contra Eslovenia foi moi semellante ao do encontro fronte a Alemaña e, de feito, o marcador indicaba ao descanso o mesmo resultado: empate a 12. Pero a selección estatal tivo máis acerto nesta ocasión e acabou resolvendo o partido ao seu favor —de novo, iso si, por apenas un gol de diferenza (23-22)—.
Este bronce súmase ao que Corrales conseguiu hai tres anos, nos Xogos de Toquio, nunha final polo terceiro e cuarto posto na que tivera Exipto como rival (33-31) logo de caer en semifinais ante a todopoderosa Dinamarca (27-23).