París 2024 | Atletismo

Diploma olímpico para Yulenmis Aguilar, sexta na final de xavelina

O bronce levouno a checa Nikola Ogrodnikova (63,68); a prata, a surafricana Jo-Ane van Dyk (63,93), e o ouro, a xaponesa Haruka Kitaguchi, que xa no seu primeiro lanzamento fixo unha marca de 65,80 que ninguén foi capaz de bater nos restantes intentos.
1000022477
photo_camera A lanzadora Yulenmis Aguilar, este sábado. (Foto: RTVE)

No seu primeiro intento nas semifinais fixo unha marca (61,95) que non alcanzaba por apenas 5 centímetros a mínima que garantía o billete á final pero que o acabou certificando igualmente, e este sábado Yulenmis Aguilar volveu ter un comezo espectacular na final de lanzamento de xavelina: un 62,78 que a colocaba en segunda posición ao termo da primeira rolda -son seis lanzamentos en total- e que practicamente garantía o diploma olímpico.

Aguilar, de orixe cubana pero afincada en Oleiros con licenza galega, fixo un nulo no segundo intento e quedou en 60,17 no terceiro, mais aquel primeiro lanzamento mantíñaa sexta pasadas tres quendas. Cómoda coa situación, renunciou á cuarta rolda para reservar forzas e na quinta mellorou o terceiro lanzamento, mais non o inicial: 61,58.

Antes de lanzar por última vez xa tiña asegurado o sexto posto e só podía melloralo, pois a polaca Maria Andrejczyk e a australiana Kathryn Mitchell, oitava e sétima, respectivamente, non lograran superala no derradeiro intento. Xa sen esa presión, Aguilar foi a por todas na sexta quenda mais fixo un nulo, polo que ese primeiro lanzamento acabou sendo o mellor, cunha marca que lle deu o seu primeiro diploma olímpico.

O bronce levouno a checa Nikola Ogrodnikova (63,68); a prata, a surafricana Jo-Ane van Dyk (63,93), e o ouro, a xaponesa Haruka Kitaguchi, que xa no seu primeiro lanzamento fixo unha marca de 65,80 que ninguén foi capaz de bater nos restantes intentos.

Estes eran os seus Xogos de Yulenmis Aguilar, os primeiros desde que representa o Comité Olímpico Español, pois debutou en Río 2016 baixo a bandeira de Cuba cun discreto vixésimo noveno posto (54,94m).

Máis en DEPORTES
Comentarios