Puigdemont afirma desde o exilio en Bélxica que “o procés de independencia só se acabará coa independencia”

Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)
photo_camera Carles Puigdemont. (Foto: Europa Press)

O ex presidente catalán Carles Puigdemont vén de dirixirse desde Waterloo en Bélxica, onde leva exiliado desde o ano 2017, ao pobo catalán para animalo a continuar a loita pola independencia.

Puigdemont afirmou que “o procés de independencia só se acabará coa independencia” e chamou a cidadanía catalá a continuar a loita até conseguir ese obxectivo.

“É evidente que se acabou unha determinada fase", asegurou Puigdemont, “pero non se acabou o procés de independencia. Ábresenos unha etapa nova".

"Sen renuncias"

O dirixente nacionalista exiliado indicou que neste novo tempo político “os que defendemos a independencia de Catalunya debemos comprometernos a loitar, cada un no marco das súas capacidades e circunstancias, pero sen renuncias".

Puigdemont indicou que as actuais circunstancias obrigan a “loitar nun novo contexto". Neste sentido, chamou ao corpo social nacionalista a mobilizarse e manterse unido diante dos novos desafíos.

O antigo presidente catalán chamou á “sociedade favorábel á liberdade deste país a que se reactive, se comprometa, vote , se organice e que non desperdicie o capital político acumulado en todos estes anos nin os coñecementos adquiridos”.

‘Liberdade’

"Só hai un obxectivo final que dá sentido a todo o que podamos facer e todo o que podamos sufrir, que é a liberdade”, rematou  Puigdemont “a liberdade individual e a liberdade do noso país".

Comentarios