O réxime israelí lanza un ataque contra Khan Younis, no sur de Gaza, e obriga a fuxir milleiros de persoas

Hamás exixe a liberación de Marwan Barghouti.
Mural de Marwan Barghouti. (Foto: Nidal Al-Wahidi / Europa Press / Contacto)
photo_camera Mural de Marwan Barghouti. (Foto: Nidal Al-Wahidi / Europa Press / Contacto)

O Exército israelí desencadeou a sexta feira outro intento de invasión de Khan Younis, no sur de Gaza, logo de ameazar cun ataque terrestre dirixido á cidade de Gaza, no norte do enclave. A ofensiva causou o desprazamento masivo de milleiros de persoas fuxindo da violencia despois de que volveran á urbe fuxindo da agresión sionista noutros puntos da Faixa.

Os primeiros ataques afectaron a al Mawasi e ao leste da urbe. No primeiro, designado polos militares sionistas como zona humanitaria, o bombardeo matou como pouco cinco persoas, entre elas dúas crianzas. Os ataques israelís a campos de persoas refuxiadas e áreas que promove como humanitarias son comúns.

No segundo, bombardeou unha casa na que matou como mínimo sete persoas, entre elas ao xornalista Tamim Muammar. Este colectivo, un dos máis afectados polos ataques israelís, rexistrou desde o comezo en outubro da agresión militar israelí a Gaza, que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio e unha limpeza étnica, 167 asasinatos a mans do réxime de apartheid sionista, sinalou a Oficina de Medios do Executivo de Gaza, controlado por Hamás. Case 40.000 persoas foron asasinadas por Israel en Gaza durante a agresión militar.

Asemade, medios árabes informaron de que Hamás, xa baixo o liderado de Yahya Sinwar, exixiu a liberación de Marwan Barghouti nun hipotético acordo de alto o fogo que o líder do Goberno de ultradereita israelí, Benjamin Netanyahu, está a bloquear.

Barghouti, de Fatah, é o líder palestino máis recoñecido no país, e as enquisas apuntan que sería o único militante de Fatah que podería superar Hamás nas eleccións presidenciais. Os reportes indican que os Estados Unidos, o principal aliado e provedor de armas israelí, terían aceptado a proposta.

Boicot occidental en Nagasaki

En paralelo, na localidade xaponesa de Nagasaki, decorreu un acto conmemorativo polo bombardeo estadounidense cunha arma nuclear en 1945, no que non estiveron as persoas responsábeis das embaixadas do país americano, o Reino Unido, o Canadá, Francia, Alemaña, Italia e a Unión Europea en protesta pola decisión das autoridades locais de non convidar a embaixada de Israel por motivos de seguridade.

No acto conmemorativo en Hiroshima, que sufriu tres días antes un ataque nuclear de Washington, o primeiro ministro xaponés, o conservador Fumio Kishida, non mencionou a autoría do bombardeo.

Comentarios