O Perú garante a impunidade dos crimes de guerra e de lesa humanidade perpetrados antes de 2002

O ex ditador Alberto Fujimori, xa na rúa, é o principal beneficiado.
Dina Boluarte a semana pasada. (Foto: Ricardo Cuba / Presidencia Peru / d / DPA vía Europa Press)
photo_camera Dina Boluarte a semana pasada. (Foto: Ricardo Cuba / Presidencia Peru / d / DPA vía Europa Press)

O Congreso peruano, controlado polas forzas conservadoras e de extrema dereita, promulgou a sexta feira unha norma que declara prescritos os crimes contra a humanidade e crimes de guerra que foran cometidos antes de 2002, e que rexeita que se poida cualificar así feitos anteriores a ese ano.

Horas antes, o alto comisionado da Organización das Nacións Unidas (ONU) para os Dereitos Humanos, Volker Türk, denunciou que a lei “contravén as obrigas do país en virtude do dereito internacional” e chega no medio “dun retroceso máis amplo no tocante aos dereitos humanos e ao Estado de dereito no Perú”.

Liz Throssell, voceira do alto comisionado, detallou que tanto “xuíces como defensores dos dereitos humanos se senten ameazados” e reiterou que a estes crimes, que se sitúan entre as violacións máis graves que recolle o dereito internacional, “non se lles deben aplicar nin amnistías nin prazos de prescrición”.

O principal beneficiado da norma é o ex ditador Alberto Fujimori, que xa comunicou que se presentará aos comicios de 2026 pola formación de ultradereita Forza Popular, fundada pola súa filla Keiko, que perdeu tres eleccións consecutivas.

Golpe de Estado

A destitución por parte do Congreso e posterior arresto do mandatario progresista Pedro Castillo, que se impuxo en 2021 nas presidenciais, no contexto dun golpe de Estado, levou ao poder a até ese momento vicepresidenta Dina Boluarte, cuxo principal sostén é a ultradereita, desatando protestas nas que arredor de medio centenar de persoas foron asasinadas pola represión gobernamental.

Precisamente o control da ultradereita das institucións do Estado, incluída a Xustiza, derivou na saída de prisión de Fujimori.

Comentarios