Catalunya

O xuíz Llarena pide aos Mossos e a Interior informes sobre o operativo para deter Puigdemont, que se atopa fóra do Estado

O avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, confirmou en declaracións a Rac1 que o ex president de Catalunya este se atopa fóra do Estado español e que falará entre "hoxe ou mañá (esta sexta feira ou sábado)".
Carles Puigdemont. (Foto: Albert Salamé / VWFoto)
photo_camera Carles Puigdemont. (Foto: Albert Salamé / VWFoto)

O xuíz instrutor da causa do 'procés', Pablo Llarena, pediu aos Mossos d'Esquadra e ao Ministerio español de Interior que informen sobre o operativo policial planificado para a detención do ex president catalán Carles Puigdemont e "sobre os elementos que determinaron o seu fracaso desde un aspecto técnico policial".

En dúas providencias, o maxistrado do Tribunal Supremo pregunta ao corpo policial e ao Ministerio cal era o operativo inicialmente aprobado e disposto para a súa detección en fronteira, así como as ordes posteriores que foron cursadas esta quinta feira para a súa detección despois de terse perdido a súa pista.

Sobre este operativo, o ministro español de Xustiza, Presidencia e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, sinalou esta sexta feria que correspondía aos Mossos d'Esquadra e que o conseller de Interior saínte, Joan Ignasi Elena, será o encargado de dar as explicacións.

"Quedemos co importante, porque é un episodio que nada achegou á sociedade catalá", engadiu Bolaños, nun intento por virar o foco da actualidade sobre a investidura do novo presidente da Generalitat de Catalunya, Salvador Illa.

Por outra parte, esta mesma sexta feira, o avogado de Puigdemont, Gonzalo Boye, confirmou en declaracións a Rac1 que o ex president de Catalunya este se atopa fóra do Estado español e que falará entre "hoxe ou mañá (esta sexta feira ou sábado)".

Puigdemont abandonou o territorio catalán

"Está nun lugar seguro, fóra de Barcelona, de Catalunya e do Estado", salientou Boye, quen asegurou que todo saíu como Puigdemont tiña planeado, xa que non volveu para entregarse, en palabras do avogado do ex president de Catalunya.

Respecto ao paradoiro do seu representado, indicou que ha de ser o propio Puigdemont quen o faga público, e sostivo que "sempre estivo ao dispor da xustiza" e que nestes momentos está a ser perseguido por uns feitos que deberían ser amnistiados por un xuíz que non quere aplicar a lei.

A volta a Catalunya produciuse a terza feira

Neste sentido, o secretario xeral de Junts, Jordi Turull, afirmou que o ex president da Generalitat regresou a Catalunya a terza feira. Así mesmo, confirmou que xa non se atopa no Estado español e que volveu a Waterloo (Bélxica), onde reside desde o ano 2017.

Nunha entrevista esta sexta feira en Rac1, o dirixente de Junts explicou que mentres que el pasou a noite no Estado francés, Puigdemont "xa facía horas que tiraba cara a arriba", referíndose a que xa se atopaba de regreso a Bélxica.

Comentarios