Cambio climático: 2024 encamíñase a superar 2023 como o ano máis cálido xamais rexistrado

Remataron 13 meses consecutivos batendo marcas de temperatura.
Unha persoa usa o paraugas para protexerse do sol a finais de xullo en Málaga (Andalucía). (Foto: Álex Zea / Europa Press)
photo_camera Unha persoa usa o paraugas para protexerse do sol a finais de xullo en Málaga (Andalucía). (Foto: Álex Zea / Europa Press)

Despois de que o ano pasado se convertera no máis quente endexamais rexistrado na Terra, planeta que hai como mínimo 125.000 anos que non alcanzaba esta temperatura global segundo o Grupo Intergobernamental sobre o cambio climático da Organización das Nacións Unidas (ONU), é “cada vez máis probábel” que 2024 vaia máis lonxe e o supere na clasificación, resolveu a quinta feira o Servizo de Cambio Climático Copernicus (C3S), da Unión Europea (UE).

A entidade trasladou que o pasado xullo acabou coa vaga de 13 meses (entre xuño de 2023 e xuño de 2024), na que cada mes rompía a súa marca histórica para ese período. Iso si, “só polos pelos”, matiza Samantha Burgess, directora adxunta do C3S.

O certo é que a temperatura media mundial en xullo foi de 16,91ºC, apenas 0,04ºC por baixo de xullo de 2023, o mes máis cálido nunca detectado, e, de feito, o xullo deste ano fica para a historia como o segundo mes máis quente. Tamén por moi pouco, 0,02ºC, rematou a marca de 12 meses consecutivos coa temperatura por riba de 1,5ºC con relación á era preindustrial, o limiar pactado pola comunidade internacional para limitar a suba da temperatura e evitar os efectos máis extremos da mudanza climática.

Sexa como for, xullo tamén deixou novos récords, como a marca da xornada máis cálida rexistrada o día 22, 17,16ºC, poucas décimas por diante do récord anterior, fixado 24 horas antes.

“O contexto xeral non cambiou, o noso clima segue a quentarse”, ratificou Burgess, que fixo fincapé en que “os efectos devastadores do cambio climático comezaron moito antes de 2023 e continuarán até que as emisións globais de gases de efecto invernadoiro alcancen o cero neto”. A inmensa maioría das emisións globais destes gases procede do uso de combustíbeis fósiles, e case 40% das emisións históricas corresponden aos Estados Unidos, a UE e o Reino Unido.

O C3S detallou no seu informe que, posto que de xaneiro a xullo a temperatura mundial ficou 0,7ºC por enriba da media entre 1991 e 2020 e 0,27ºC máis que o mesmo período de 2023, esta anomalía tería que diminuír drasticamente no que queda de ano para evitar que 2024 supere 2023 como ano máis quente rexistrado, algo que, salienta o documento, rara vez aconteceu.

Polos e océanos

O impacto do cambio climático está a ser cada vez máis evidente incluso nas áreas polares, coa Antártida no medio dunha onda de calor no que en teoría é o momento máis frío do ano, con temperaturas até 10ºC máis altas que o nivel previsíbel. Na outra punta do planeta, no círculo polar ártico, a localidade canadense de Inuvik, 209 km ao norte, certificáronse temperaturas de até 35ºC.

O mesmo está a suceder nos océanos, que absorben 90% do exceso de calor provocada polas emisións de dióxido de carbono, o principal gas de efecto invernadoiro, e que están a padecer tamén ondas de calor. A finais de xullo a temperatura media no Atlántico Norte alcanzou 24,9ºC, reportou a Oficina Nacional de Administración Oceánica e Atmosférica estadounidense. Nese sentido, o C3S sinala que os seus datos indican que a temperatura foi de 24,7ºC, por baixo dos 24,81ºC rexistrados en setembro de 2022. Non obstante, subliñou que “non hai dúbida” de que o récord se baterá “este verán” e “en cuestión de días”.

O investigador do clima do C3S, Julien Nicolas, destacou á axencia Reuters que estes datos xeran moitas cuestións arredor de que lle está a ocorrer aos océanos, chegando a inquirir se non estarán en marcha xa mudanzas nas correntes oceánicas, un dos alicerces principais da regulación do clima.

Ano tras ano, o avance do quecemento global impulsa e intensifica fenómenos climáticos extremos en todo o mundo. Só nas últimas semanas, Paquistán sufriu chuvias récord, desatando o temor a inundacións masivas como as de 2022, e as precipitacións forzaron a fuxida dos seus fogares de milleiros de persoas en Suráfrica. Ademais, os incendios forestais espalláronse polo occidente estadounidense e o furacán Beryl matou 54 persoas no seu percurso desde o mar Caribe até o golfo de México.

As ondas de calor, o fenómeno climático extremo que máis falecementos produce

“Isto estase a volver demasiado quente para soportalo”, subliñou a secretaria xeral da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), Celeste Saulo, ao abordar un ano de “ondas de calor xeneralizadas, intensas e prolongadas”. De todos os fenómenos meteorolóxicos extremos asociados ao cambio climático as ondas de calor son o máis mortífero, revelou un estudo da OMM, que estima que 489.000 persoas morren cada ano pola súa causa, 36% delas, máis de 175.000 persoas, no continente europeo.

O Estado español, como pasou noutros territorios da bacía do mar Mediterráneo, afronta a cuarta onda de calor do verán, o que tamén padeceron Romanía ou Hungría, e na capital catalá, Barcelona, o termómetro chegou a 40ºC.

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios