O cambio climático e a contaminación deixan en mínimos históricos a produción de mexillón

Galiza é unha potencia mundial no sector do mexillón, cunha produción só superada por China e Chile. O cambio climático e a contaminación están a provocar nos últimos anos unha caída nas capturas. A instalación da celulosa de Altri nas ribeiras do Ulla agravaría aínda máis está situación.

EuropaPress_5411376_varias_bateas_pescar_mejillones_septiembre_pontevedra_galicia_espana_alta
photo_camera Varias bateas de mexillón emprazadas na ría de Vigo. (Foto: Europa Press).

A produción de mexillón alcanzou 178.065.331 quilogramos no ano 2023. A este respecto, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón da Galiza sinala no seu boletín de xullo, que vén de ser publicado, que "a produción marcou o mínimo histórico nos últimos 30 anos". "Nin en momentos de maior incidencia dos fechamentos por mareas vermellas (2013 e 1995) a cifra de produción mitilícola foi tan reducida, apenas 178.065 toneladas", engade o documento, que indica que “na ría de Arousa a produción media por batea foi de 52.223 quilogramos, 19.000 quilogramos menos que a media dos últimos 20 anos”.

As cifras de 2023 representan unha caída da produción do 19% en relación co exercicio anterior. Neste sentido, en 2022 as capturas deste bivalvo ficaron en 219.698.852 quilogramos tras rexistrar un descenso do 12,5% en relación coa anualidade de 2021, onde a produción chegou a 250.863.178 quilogramos. O biólogo e voceiro da Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, alerta a Nós Diario dun “fenómeno novo que non se tiña dado en períodos anteriores e que provocou nos dous últimos anos unha baixada dun terzo da produción do mexillón”.

O impacto económico destas cifras son de relevancia nun país como a Galiza, que concentra o 13% da produción mundial de mexillón, só por detrás de China, que suma o 51%, e de Chile, que rexistra o 29%. Ao tempo, esta actividade ocupa de maneira directa só na ría de Arousa 4.177 persoas, onde están emprazadas 2.319 bateas dedicadas á cría deste molusco. Nesta liña, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Mexillón da Galiza considera que as tarefas ligadas á produción de mexillón empregan no conxunto da Galiza perto de 19.000 persoas, entre os traballos desenvolvidos en mar e terra.

A facturación do sector mexilloeiro rexistrou un descenso do 20,8% en 2023, fechando o ano cuns ingresos totais de 119,5 millóns de euros. Debeuse á caída produción pero tamén dos prezos, que tradicionalmente na Galiza se sitúan á cola dos Estados do continente europeo. Neste punto, o profesor da área de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista en economía pesqueira Gonzalo Rodríguez explica a Nós Diario que “o prezo do mexillón galego figura entre os máis baixos dos principais produtores europeos". "Só Grecia presenta un prezo menor, resultando un caso salientábel, toda vez que conta cunha produción moito máis pequena e tamén decrecente", di.

A caída da produción

A importante caída da produción do mexillón e doutros tipos de bivalvos nas rías é motivo de preocupación no sector e na comunidade científica. A este respecto, Rodríguez apunta que “o cambio climático é xa una ameaza tanxíbel, con diversas manifestacións que impactan nos sectores produtivos. No caso do marisqueo, o fenómeno das choivas extremas dos últimos meses de 2023 provocou a baixada de salinidade nas rías, derivando en altas taxas de mortalidade do marisco de cuncha branca. No caso da miticultura, as elevadas temperaturas da auga deron lugar a maiores desprendementos de mexillón das cordas e a un menor crecemento”. Así, entre os factores que explican a caída da produción atópanse, segundo o profesor da USC, "unha maior taxa de desprendementos das cordas e un menor rendemento da vianda, provocados pola maior temperatura das augas".

Rodríguez tamén refire que “o aumento da auga doce vertida polos ríos provocou episodios prolongados de baixa salinidade nalgúns dos principais bancos marisqueiros da Galiza coa conseguinte debilitación e mortalidade dos moluscos bivalvos”. Na mesma liña, Rubido relata que “nos últimos anos o mexillón vai caendo das cordas das bateas, vese que a mexilla non se pega ben e isto dáse na parte interior da ría, ao producirse un afloramento menos intenso como consecuencia do descenso do nordés”. Responsabiliza, en parte, do problema o “cambio climático, nunha zona de transición, con síntomas de debilitamento do modelo anterior, marcado polo anticiclón das Azores” e lembra que “o afloramento favorece a renovación das augas e dilúe a contaminación”. Precisamente, a respecto da contaminación, o biólogo aposta por controlala "de modo máis estrito" co fin de evitar "que o mexillón sufra a consecuencia destes fenómenos".

Rubido denuncia que “a Xunta da Galiza non controla a contaminación das rías e dos ríos que verten a elas” e, neste sentido, sinala que “o río Ulla non baixa ben, e a mostra disto é a situación dos Lombos do Ulla, emprazados na desembocadura da ría de Arousa entre Vilagarcía e Rianxo, onde non hai marisco desde hai anos, malia ser tradicionalmente un dos bancos marisqueiros máis importantes da ría”.

O proxecto de Altri para instalar unha celulosa na cabeceira do río Ulla preocupa en Arousa. A este respecto, Rubido entende que “a entrada en funcionamento dunha celulosa vai acentuar moito este proceso, aumentando a contaminación pola vía das verteduras e incrementando a temperatura da auga”. Na mesma dirección, Rodríguez opina que “proxectos como a celulosa de Altri erosionan sectores estabelecidos como a pesca, con efecto arrastre xa hoxe na economía galega, e non con efectos potenciais ou de futuro”.

A produción de berberecho caeu 79% e a da ameixa babosa 62% en 5 anos

Galiza é unha potencia na produción de ameixa e berberecho. Os datos de Produción de Talle Comercial da Acuicultura Mariña elaborados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) sinalan que en 2022, último ano con cifras, Galiza producía o 99% do total de ameixa e berberecho do Estado, rexistrando unhas capturas de 1.277 toneladas. Porén, estas especies de bivalvos sofren, tamén, unha situación crítica derivada da contaminación das rías e dos efectos do cambio climático.

O relatorio elaborado polo profesor da área de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Gonzalo Rodríguez para A economía galega. Informe 2023 promovido polo Instituto de Estudos para o Desenvolvemento da Galiza (Idega) da USC debuxa un panorama preocupante para o sector marisqueiro. A este respecto, recolle que “o descenso máis acusado é o do berberecho, observándose unha redución dos quilos comercializados dun 79,3% en relación aos cinco anos anteriores e de case un 79% en comparación ao último”.

Rodríguez apunta que “en canto á ameixa babosa, a súa diminución sería de case un 62,7% respecto á media do quinquenio e de 35,4% en relación ao último ano. A ameixa fina, de valor unitario elevado, baixa ao redor do 48,5% en ambas as dúas medidas. E no caso da ameixa xapónica, unha especie con producións elevadas, a perda é de case o 20% no primeiro caso e de algo máis do 10% no segundo”. Nesta dirección, conclúe que “a panorámica conxunta é a dunha caída xeneralizada e aguda na produción”.

Comentarios