París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Esa maldita porta que fechou a das medallas

A pesar das boas sensacións que deixou no seu debut olímpico, o padexeiro Manu Ochoa regresará a Tomiño de baleiro.
A canle de augas bravas de Vaires-sur-Marne, esta segunda feira. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera A canle de augas bravas de Vaires-sur-Marne, esta segunda feira. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

"Non me arrepinto de nada, volvería facelo todo igual desde o primeiro día, e iso fai que doa máis". Con estas palabras despedíase esta segunda feira dos seus primeiros Xogos Olímpicos o padexeiro tomiñés Manu Ochoa, que nos regalou nos últimos días varias carreiras sensacionais na novidosa proba de caiac cross e ficou ás portas de conseguir un diploma olímpico.

Ás portas... ou máis ben á porta; a oitava do circuíto, concretamente, que se lle atragoou aínda que a sorteou convencido de que o fixera ben, mais non o viron así os xuíces, que invalidaron o seu primeiro posto na súa manga dos cuartos de final e quedou, por tanto, sen opcións de loitar por unha medalla que parecía empezar a ter o seu nome.

Unha porta maldita coa que tamén topou, durante o K1 individual de slálom, a vasca Maialen Chourraut, tripla medallista olímpica que marchou de París de baleiro após caer tamén esta segunda feira nos cuartos do caiac cross, a segunda proba para ela nestes Xogos. Ochoa tropezou coa porta 8, precisamente a do seu dorsal; Chourraut, este domingo, coa 2... dúas veces no mesmo día, na semifinal e a final —e outra máis nas roldas previas un día antes—.

O tomiñés, aínda que aspirase a moito máis, pode marchar moi orgulloso da súa primeira cita olímpica, que con certeza non será a última. A Manu Ochoa quédanlle aínda moitas tardes de gloria por diante e moi cedo verémolo de novo subido ao máis alto do podio, como xa o fixera en xuño na Copa do Mundo de Praga.

Tamén unha penalización deixou esta segunda feira sen diploma olímpico ao triatleta vigués Antonio Serrat, mais no seu caso imposta a Alberto González, un dos seus compañeiros nunha remuda mixta de tríatlon na que remataron novenos a escasos sete segundos de Brasil, oitavo clasificado. Un tempo que recortarían de non ser pola sanción.

Comentarios