París 2024 | Slálom

Manu Ochoa: "Non me arrepinto de nada, faríao todo igual desde o primeiro día... iso fai que doa máis"

Sobre a fatídica oitava porta que lle custou a descualificación, o padexeiro tomiñés confía no criterio dos xuíces pero non oculta que lle sorprendeu: "Sentín esa última porta como unha entrada perfecta, estaba convencido".
O padexeiro Manu Ochoa, na zona mixta. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera O padexeiro Manu Ochoa, na zona mixta. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Ao tomiñés Manu Ochoa escapáronlle as medallas na súa primeira cita olímpica, en París, de onde marcha de baleiro pero con moi boas sensacións despois de facer gozar ao público coas súas habilidades coa piragua. Malia comparecer visibelmente decepcionado na zona mixta —onde se atopaba Nós Diario— esta segunda feira após ser eliminado en cuartos de final por penalización, o padexeiro mostrouse satisfeito polo camiño percorrido na súa estrea nus Xogos: "Non me arrrepinto de nada, non cometín ningún erro nin ningunha mala decisión non só nos cuartos de final, senón desde que puxen o meu cu na piragua o primeiro día. E creo que iso fai que doa máis, saber que se volvese pasar non mudaría nada".

Sobre a fatídica oitava porta que lle custou a descualificación, dixo estar sorprendido: "Sentín esa última porta como unha entrada perfecta, estaba convencido. Notaba o pau entre as miñas mans e sabía que estaba no sitio, aparteino, fun á meta e cando vin a penalización... sabía que mo ían quitar".

E se ben aínda non tivera tempo de revisar a acción —"non podes xulgar até que non vexas o vídeo", matizou—, cre que foi unha decisión acertada: "É certo que ás veces se toman decisións incorrectas, pero hai que ter confianza na decisión que tomaron os xuíces, que son profesionais e dependemos deles para a práctica deste deporte, e realmente confío en que así foi".

"Hai que tirar para adiante", salientou o tomiñés, triste por non poder meterse na loita polas medallas que tanto ansiaba, sobre todo despois de deixar estes últimos días tan boas sensacións en Vaires-sur-Marne. "Loitei moito para chegar até aquí, metinlle moitas horas, e creo que a preparación para hoxe foi perfecta. Iso fai que doa máis, saber que se volvese atrás non mudaría nada. Creo que a execución de todas as manobras que fixen desde o primeiro día foi a correcta, e hoxe estiven loitando pola primeira posición cun triplo campión do mundo [Joseph Clarke]", reiterou.

Chegaba a París consciente da dificultade da cita, pero tamén con grandes expectativas, sobre todo despois de gañar en xuño a Copa do Mundo de Praga. "Acabar así... doe", insistiu o padexeiro de Tomiño, que agradeceu as moitas mostras de apoio chegadas desde o seu concello natal e descúlpase ante toda a xente que "confiou en que chegaría máis lonxe porque había moita ilusión", coa promesa, iso si, de que lles brindará novas alegrías no prometedor futuro que ten por diante.

"Recibín moitas fotos, moitas mensaxes. Iso é unha das cousas máis bonitas que levo destes Xogos, o apoio que recibín desde primeiro día durante todo o camiño até chegar aquí", subliñou. No estadio náutico estivo acompañado da súa familia, que ergueu durante a carreira con orgullo bandeiras galegas e mesmo de Tomiño.

O caiac cross, o slálom galego e Ochoa: tres debuts nestes Xogos

Manu Ochoa fixo historia en París ao ser o primeiro padexeiro olímpico galego en slálom e confía en que o seu deporte empece a abrirse paso agora no país: "Sería o que máis feliz me faría do meu debut", dixo. Tamén estaba de estrea nestes Xogos a modalidade de caiac cross, que está en constante crecemento e que foi unha das grandes sorpresas, para ben, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne.

"Moitos padexeiros estiveron preparándose especificamente para esta competición e moitos non conseguiron clasificarse", salienta, sobre esta modalidade que segue a gañar adeptos e que nos últimos anos experimentou "moitos avances reais".

Comentarios