MÁIS

A Boa Vila do Lérez soa a jazz e a blues

Pontevedra comezou onte o seu Festival Internacional de Jazz e Blues, que celebra nesta edición o seu 30 aniversario. Artistas consolidados acompañarán o talento emerxente da Galiza na praza da Ferraría todas as noites até o 9 de agosto, fechando case unha semana de culto á música. 
Rick Estrin & The Nightcats actuarán mañá en Pontevedra. (Foto: Festival de Jazz de Pontevedra)
photo_camera Rick Estrin & The Nightcats actuarán mañá en Pontevedra. (Foto: Festival de Jazz de Pontevedra)

No verán de 1993, Pontevedra (comarca homónima) acolleu por vez primeira na praza do Teucro o que se coñecera entón como "Mostra de Jazz e Blues de Pontevedra" e que agora recibe a denominación de Festival Internacional. Son trinta anos -posto que por mor da pandemia non houbo edición en 2020 e 2021- moi frutíferos para a música jazz a nivel galego e internacional. 

Pola praza da Ferraría, ao carón da igrexa da Peregrina, recalaron ao longo das edicións multitude de artistas de gran sona, como Johnny Winter, Robert Cry, Cory Henry ou Esperanza Spalding, entre outros, nun festival de balde e ao alcance de calquera ouvido. 

O contrabaixista, profesor e compositor Paco Charlín leva desde os oito anos coa música nas veas. No ano 2000, comezou a súa etapa como responsábel do Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra (SPJ), un dos principais colaboradores do Festival Internacional de Jazz e Blues impulsado e organizado polo Concello de Pontevedra. Charlín destaca o labor do Seminario Permanente, que sempre aposta pola oferta galega e por darlle voz aos talentos emerxentes destes xéneros musicais. Xunto ao resto de persoal do Seminario Permanente, encárgase de impartir cursos e clases semanais de jazz durante todo o ano, tanto a músicas e músicos profesionais como a semiprofesionais. Desde o Seminario, propoñen artistas da Galiza para facer parte da axenda deste festival internacional.

O Seminario Permanente creouse a partir de realizar viaxes ao berce do jazz estadounidense que espertaron a idea de impartir clases na Galiza. Precisamente, o jazz naceu a finais do século XIX en Nova Orleans (Estados Unidos de América), froito das raíces dos escravos africanos. Un estilo caracterizado pola improvisación colectiva e con influencias do ragtime. O blues ten unhas orixes similares, sendo estas os cánticos de traballo dos escravos afroamericanos. Este estilo supuxo a maior influencia na musical popular occidental, deixando a súa pegada en estilos como o rock ou o pop.

A praza da Ferraría, en Pontevedra, acolle até o día 9 de agosto unha das citas máis esperadas do calendario musical estival galego

Un cartaz co que vibrar

O festival deu comezo onte ás 22.30 horas na Ferraría, coa actuación de Iago Banet, músico galego residente desde hai 10 anos no Reino Unido. Foi alí onde se iniciou no mundo da música, gravando discos de blues e jazz na compaña do seu grupo. Logrou un grande éxito coas súas bandas e iniciou paralelamente unha carreira en solitario caracterizada por tocar baixos, melodías e acordes ao mesmo tempo, o que se coñece popularmente como "one man band", e que xera a impresión de que máis dunha persoa está a tocar sobre o escenario.

Tras a actuación de Banet, Antilia subiu ás táboas para achegar a Pontevedra o seu swing. A banda naceu hai dez anos na vila do Lérez, da man de María Costas e José Churruca, que iniciaron un proxecto musical nos que a voz sutil dela mestúrase en absoluta perfección cos elegantes acordes do guitarrista pontevedrés. 

Sempasúchil aterrará esta noite na Ferraría. A inspiración para o nome do grupo provén dunha flor mexicana que os catro artistas galegos escolleron para a imaxe da banda. Achegan a Pontevedra unha versión do jazz máis accesíbel e inspirada no pop, mesturándose con ópticas máis contemporáneas. Os membros de Sempasúchil arrastran unha longa lista de colaboracións con artistas internacionais da altura de Lucinda Williams e Carla Bruni, experiencias que lles permitiron crear grandes obras de arte, como a súa versión de "Wichita Lineman" canción country que Jimmy Webb gravou nos anos 80 con Lyle Mays. 

Rick Estrin & The Nightcats, chegados desde os Estados Unidos, farán soar na noite de mañá o blues eléctrico que os caracteriza desde 2008. Unha banda cunha longa traxectoria musical que leva ás costas grandes galardóns, como a "Mellor Banda do Ano" e "Canción do ano" por "The Blues Ain't Going Nowhere" nos Blues Music Awards de 2017. Rick Estrin, cantante da banda, gañou tamén o premio de "Artista Masculino de Blues". Non é a primeira vez que tocan fora da súa terra, posto que xa percorreron festivais do xénero en Holanda, Turquía ou Suíza.

De Alemaña procede o cantante e trompetista Jeff Cascaro, con máis de vinte anos sobre escenarios grandes e pequenos de toda Europa. El mesmo denomina os seus concertos "Love and Blues in the City" e neles alterna o jazz clásico con rythm&blues, swing and blues, sempre coa improvisación nas mans. O resultado son melodías persoais para quentar o corazón de calquera público. Actuará na praza da Ferraría esta quinta feira.

Richard Bona, na compaña do pianista Alfredo Rodríguez Trío, fechará esta edición do Festival Internacional de Jazz e Blues ás 22.30 da sexta feira. Trae desde o seu país natal, Camerún, unha proposta que combina afropop e jazz coa que xa conquistou miles de ouvidos arredor do mundo. Posúe un don vocal único, co que conseguiu un Premio Grammy e diversas candidaturas. A súa longa traxectoria permitiulle colaborar con grandes estrelas musicais, como Stevie Wonder e Buena Vista Social Club.

Ademais destas grandes actuacións, dentro do programa do festival contémplanse ruadas diarias da Street Band Chivinjazz ás 12.30 e 20 horas ao longo de toda Pontevedra, inspiradas nas que se adoitan facer en Nova Orleans para animar a veciñanza coa súa música.

Pontevedra mora no jazz e o blues

"Un festival de jazz adoita ser algo puntual e que, polo tanto, vai mover moito público pola súa brevidade e oferta distinta do común", mantén Paco Charlín, que afirma que un festival non mide a súa calidade en función da afluencia de asistentes. Ademais, o Festival Internacional de Jazz e Blues xa ten un arraigo especial entre a poboación do sur da Galiza, fiel a estes sons musicais.

Convértese así nunha mostra máis da variedade cultural da cidade. "A oferta de diferentes estilos musicais implica cultura para unha vila, supón un ambiente significativo e unha diversidade única para Pontevedra, permitindo que a xente escolle o que queira", afirma Charlín, amosando o orgullo que posúe ao espallar o jazz e o blues polas rúas e corazóns da Galiza.

Máis en CULTURA
Comentarios