Zas propón unha xornada de debate sobre cinema

Aactividade permitirá desfrutar dunha escolma de filmes galegos pensados para o gozo de todos os públicos.
'O corno', de Jaione Cambord, proxectarase ao fin da xornada. (Foto: Elástica Films)
photo_camera 'O corno', de Jaione Cambord, proxectarase ao fin da xornada. (Foto: Elástica Films)

O vindeiro 7 de agosto, Zas (Terra de Soneira) converterase no epicentro do cine galego grazas a Proxecta, a coordinadora galega de festivais de cinema. A vila acollerá o "I Encontro Atlántico de Festivais de Cinema" no que o público terá a ocasión de compartir visionados de películas e debates xunto a cineastas, programadores e profesionais do sector audiovisual. O evento, deseñado para fomentar a análise, o intercambio de experiencias e a creación de redes profesionais, busca impulsar o desenvolvemento e a promoción do cinema galego.

Zas acolle esta actividade que permitirá desfrutar dunha escolma de filmes galegos pensados para o gozo de todos os públicos. Será unha oportunidade ademais para coñecer a riqueza patrimonial e natural do Concello de Zas e pór en valor a importancia de crear axendas culturais estábeis e participativas que revitalicen o rural.

A xornada comezará ás 11.30 horas nas Torres do Allo coa inauguración do acto, que contará coa participación de representantes de Proxecta, a Área de Cultura da Deputación da Coruña, patrocinadora do evento, e do Concello de Zas como colaborador. Ás 12 horas, terá lugar unha conversa entre cineastas e profesionais da programación: "Para que serven os festivais de cinema?".

A sesión da tarde comezará ás 17.30 horas cunha visita ás Torres do Allo. Ás 19.30, no Auditorio Municipal, presentarase o Espazo Fouciño, unha homenaxe ao percorrido deste festival con pezas programadas en anteriores edicións. Ás 20.30, no Auditorio Municipal, proxectarase unha selección de curtas, incluíndo traballos de cineastas como Anxos Fazáns, Andrea de la Iglesia, Xacio Baño ou Oscar Pardo. A programación da tarde concluirá ás 22 horas, na praza do Campo, coa proxección ao aire libre de O corno, un drama dirixido e escrito por Jaione Camborda, gañadora da Concha de Oro en Donostia. 

Máis en CULTURA
Comentarios