María Zamora, produtora de 'O Corno', Premio Nacional de Cinematografía 2024

María Zamora, produtora de cintas galegas como 'O corno' ou 'Matria', foi galardoada co Premio Nacional de Cinematografía, a proposta do xurado.
A produtora María Zamora e a directora Carla Simón (Foto: CCCC vía Europa Press).
photo_camera A produtora María Zamora e a directora Carla Simón (Foto: CCCC vía Europa Press).

María Zamora, produtora de cintas galegas como O corno ou Matria, foi galardoada co Premio Nacional de Cinematografía, a proposta do xurado. Este premio, concedido anualmente polo Ministerio español de Cultura, está dotado con 30.000 euros.

Cultura anunciou o premio esta segunda feira nun comunicado, no que sinala que o xurado recoñeceu María Zamora "polo seu apoio ao cinema independente e arriscado. Na súa traxectoria, María Zamora fortaleceu a presenza do cinema independente no mercado internacional, incidindo en miradas sensíbeis e diversas".

Á súa vez, o xurado destacou que María Zamora, en 2023, "obtivo a Cuncha de Ouro de Donostia á película O corno", así como "a súa implicación en múltiples producións que conseguiron oito nomeamentos aos Premios Goya de 2024".

A produtora participou en películas como Alcarrás, de Carla Simón, O corno, de Jaione Camborda, ou Creatura, de Elena Martín, entre outras. Ademais da cinta vencedora na última edición do Festival donostiarra, Zamora tamén exerceu de produtora noutras películas galegas, como Matria de Álvaro Gago ou María e os demais de Nely Reguera.

O Premio Nacional de Cinematografía recompensa a achega máis sobresaliente no ámbito cinematográfico estatal, posta de manifesto preferentemente a través dunha obra feita pública ou un labor profesional desenvolvido durante o ano 2023, ou, en casos excepcionais debidamente motivados, outórgase como recoñecemento a unha traxectoria profesional.

O galardón, que o ministro de Cultura entrega habitualmente no marco do Festival de Donostia, recoñeceu na súa pasada edición a Carla Simón, uníndose a unha lista de personalidades da cinematografía estatal, entre quen se atopa Penélope Cruz, José Sacristán, Isabel Coixet, Antonio Banderas ou Fernando Trueba, entre outros.

O xurado estivo presidido por Ignasi Camós Vitoria, director xeral do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuais (ICAA), e como vicepresidente actuou Camilo Vázquez Bello, subdirector xeral de Promoción e Relacións Internacionais do ICAA. Como vogal actuaron Juan Vicente Córdoba Navalpotro, a proposta da Academia das Artes e as Ciencias Cinematográficas de España; Josep Gatell Castro, a proposta de Autores Literarios de Medios Audiovisuais; Daniel Grao Valle, a proposta da Unión de Actores e Actrices; Paula Palacios Castaño, a proposta da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais (CIMA); Desiré de Fez Martín, Susana Herreras Casado e Ariadna Cortés Prió, a proposta do ICAA; e Carla Simón Pipo, galardoada na convocatoria anterior.

Comentarios