París 2024 | Skateboarding

Julia Benedetti, a 'skater' coruñesa que compite nos seus segundos Xogos con só 19 anos

Benedetti rematou décimo sexta en Toquio e agora busca facelo "o mellor que poida", sen fixarse unhas expectativas demasiado altas de inicio.
A 'skater' coruñesa Julia Benedetti. (Foto: COE)
photo_camera A 'skater' coruñesa Julia Benedetti. (Foto: COE)

Ten só 19 anos, pero os de París son xa os segundos Xogos Olímpicos para a 'skater' coruñesa Julia Benedetti, que en Toquio non puido meterse na final da modalidade de park e acabou décimo sexta. Esta terza feira buscará o desquite no recinto de deportes urbanos da praza da Concordia, nun recinto no que xa puido probarse os últimos catro días e no que se sinte cómoda.

"Gústame moito o 'skatepark', que ademais está en pleno centro de París", salientaba esta segunda feira en rolda de prensa, respondendo a unha pregunta de Nós Diario. Está a ser para ela "unha experiencia moi diferente á de Toquio 2020", condicionada pola pandemia, e agora confía en facelo "o mellor que poida", sen fixarse unhas expectativas demasiado altas de inicio.

Benedetti comparte equipo na delegación do Estado español con Danny León, o veterano —ten 29 anos—, quen a acompañou en Toquio e de quen asegura que aprende moito. "Danny é o que máis experiencia ten, dános moitos consellos", asegurou.

A curta idade da coruñesa, que nos anteriores Xogos Olímpicos tiña só 16 anos, poden chamar especialmente a atención, pero ela é xa outra veterana en comparación coa súa compañeira a vasca Naia Laso, que chega a París con 15.

Aliás, as tres skaters que a pasada semana subiron ao podio da praza da Concordia —as xaponesas Coco Yoshizawa e Liz Akama e mais a brasileira Rayssa Leal— na modalidade street de skateboarding son menores de idade e teñen 14, 15 e 16 anos, respectivamente.

Máis en DEPORTES
Comentarios