A pesar das boas sensacións que deixou no seu debut, o padexeiro Manu Ochoa regresará a Tomiño de baleiro. Na sexta feira fixo o décimo mellor tempo de entre 38 participantes na carreira contra o reloxo, o sábado superou a fase preliminar como o mellor da súa manga, o domingo pasou de rolda novamente na primeira posición e esta segunda feira volveu voar sobre a canle de augas bravas do estadio náutico de Vaires-sur-Marne nuns cuartos de final nos que foi, como non podía ser doutra forma, o líder da súa manga. Pero unha penalización por saltar a última porta supuxo a descualificación.
Ochoa partiu moi ben desde a caída da rampla nun dos cruces de cuartos máis complexos, pois tivo que enfrontarse ao gran favorito e medalla de ouro no K1 individual de slálom en Rio 2016, o británico Joseph Clarke, así como ao checo Jiri Prskavec e o irlandés Liam Jegou. Fixo unha espléndida saída desas ás que xa nos ten acostumados e que lle valeu o título de campión na Copa do Mundo de Praga do pasado xuño. Mantivo un forte pulso con Clarke nos primeiros metros e gañouno para empezar a sortear as oito portas con algo de vantaxe, se ben o británico pisaba os seus talóns.
E mantivo esa lixeira vantaxe até que chegou á derradeira porta, que superou para avanzar como primeiro cara á meta coa aparente convicción de que o movemento fora legal... pero non. Nas pantallas do estadio náutico figuraba como último clasificado da manga por unha penalización, derivada desta oitava porta, que os xuíces estaban a revisar. Ochoa, que adoita competir co número '8' da sorte, parecía sorprendido e negaba coa cabeza á espera da resolución final, que confirmou a sanción e eliminación.
O ouro nesta proba acabou sendo para Finn Butcher, de Nova Zelandia, con prata para Joseph Clarke e bronce para o alemán Noah Hegge. E no caiac cross feminino, onde esta segunda feira competía a tripla medallista olímpica en slálom Maialen Chourraut, de Euskal Herria —tamén eliminada en cuartos—, subiron ao podio a australiana Noemie Fox, a francesa Angele Hug e a británica Kimberley Woods, por esta orde.