París 2024 | Atletismo e Tríatlon

Antonio Serrat participará no tríatlon mixto, mais Antía Chamosa non é convocada para a remuda de marcha

A triatleta belga Claire Michel está hospitalizada por E.coli após nadar no río Sena.
O triatleta Antonio Serrat e a marchadora Antía Chamosa. (Fotos: Europa Press)
photo_camera O triatleta Antonio Serrat e a marchadora Antía Chamosa. (Fotos: Europa Press)

O triatleta vigués Antonio Serrat terá esta segunda feira, a partir das 8 horas, unha nova oportunidade de optar a medalla ou diploma olímpico na remuda mixta de tríatlon, proba na que compartirá equipo con Alberto González, Anna Godoy e Míriam Casillas e na que competirá contra outros 17.

Serrat rematou o tríatlon individual no trixésimo segundo posto e o gañador foi o británico Alex Yee. E na proba feminina impúxose a francesa Cassandre Beaugrand. Ambos os vencedores das súas respectivas carreiras pugnarán agora por un novo ouro cos equipos mixtos de Gran Bretaña e Francia, respectivamente.

Contaminación do Sena: a belga Michel, hospitalizada

O tríatlon masculino tivo que adiarse por mor da contaminación do río Sena, e aínda que a situación mellorou —segundo a información difundida pola organización— para que ao día seguinte puidesen decorrer tanto a masculina como a feminina, o estado da auga segue a dar de que falar.

A prensa francesa e a belga informan este domingo de que unha das súas compatriotas, a triatleta Claire Michel, non poderá participar na remuda de tríatlon debido a que leva catro días hospitalizada após participar no individual feminino e nadar no Sena. Ten, segundo medios de Bélxica, a bacteria E.coli, unha das que presentaban altos niveis nas análises practicadas no río parisino e que levaron a adiar a proba masculina.

A pontevedresa Chamosa, fóra da remuda de marcha

A marchadora pontevedresa Antía Chamosa, convocada por vez primeira para uns Xogos Olímpicos, non poderá participar na proba para a que fora chamada como reserva, a remuda mixta de marcha do próximo 7 de agosto, pois a Federación Española de Atletismo anunciou este domingo que as dúas parellas coas que competirá estarán conformadas por María Pérez, prata na individual feminina, e Álvaro Martín, bronce na masculina, e por outra parte Miguel Ángel López e Cristina Montesinos.

Comentarios