O PSdeG esixe á Xunta o "desbloqueo" dos proxectos de sete edificios para docencia e investigación nos campus

O plan de infraestruturas universitarias para 2023-2026 ten un custo de 137 millóns de euros, mais segundo Julio Abalde a Xunta só destinou 40 millóns.

O deputado do PSdeG no Parlamento galego Julio Abalde. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do PSdeG no Parlamento galego Julio Abalde. (Foto: Nós Diario)

O PSdeG exixiu este domingo á Xunta da Galiza o "desbloqueo" dos proxectos de sete edificios para a docencia e investigación nos campus galegos por "falta de fondos".

Para iso, o portavoz de Educación do Grupo Parlamentario Socialista, Julio Abalde, rexistrou unha batería de iniciativas na Cámara galega.

A formación socialista explicou que, estes proxectos "están parados por falta de fondos", a pesar de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, "hai un ano asinou coas tres universidades" públicas galegas un plan de Infraestruturas para 2023-2026 que contempla a súa execución.

Julio Abalde criticou que o Executivo galego "contemplou entón a mobilización de 100 millóns de euros" para o financiamento desas obras, pero "só dotou o plan con 40 millóns".

Ademais, continuou, o custo desas infraestruturas "está cifrado en ao redor de 137 millóns de euros". "As universidades non teñen outras vías de financiamento que non sexan as taxas e a achega da Xunta", lembrou o deputado socialista.

Por iso, Abalde exixiu que nos próximos orzamentos se incorpore "un incremento" nese plan de infraestruturas para que "sexa posíbel" que os sete campus galegos dispoñan deses edificios para a docencia e a investigación, que "son tan necesarios".

Comentarios