París 2024 | Boxeo

Medalla de bronce para o 'Profeta' Reyes Pla, eliminado en semifinais

O púxil da Coruña non tivo o seu mellor día e caeu ante un Loren Alfonso bastante pasivo.
Combate de semifinais entre Enmanuel Reyes Pla e Loren Alfonso. (Foto: COE)
photo_camera Combate de semifinais entre Enmanuel Reyes Pla e Loren Alfonso, este domingo, no París Norte Arena. (Foto: COE)

Rematou a aventura de Enmanuel Reyes Pla en París cunha medalla de bronce, logo de caer derrotado este domingo nas semifinais ante o azerí Loren Alfonso, o verdugo en primeira rolda do vixente campión olímpico —en Rio 2016 e Toquio 2020—, o cubano Julio César La Cruz. Non tivo o seu mellor día o púxil da Coruña fronte a un rival bastante pasivo, que tampouco dominiou o combate pero fiou a súa estratexia a esquivar e controlar os tempos.

Hoxe era día de semifinais en diferentes pesos, e notábase no ambiente. O París Norte Arena era esta mañá unha auténtica caldeira que se foi quentando cada vez máis e máis até chegar ao combate do púxil da Coruña. Ferveu o pavillón no combate entre o francés Billal Bennama e o dominicano Yunior Alcántara en -51 kg, que se acabou levando o anfitrión por decisión unánime dos xuíces. E o público toleou. O mesmo aconteceu minutos despois con Sofiane Oumiha, que tamén xogaba na casa e derrotou o canadense Wyatt Sanford en -63,5 kg mentres de fondo soaba A Marsellesa a capela.

Quenda despois para o dominicano Cristian Pinales e o kazako Nurbek Oralbay en -80 kg, con triunfo de Oralbay. E chegou momento de Reyes Pla, que saltaba ao ring coa mirada do tigre listo para a batalla. Saíu decidido pero sen precipitarse, calculando ben o ataque e traballando moi ben o xogo de pés. O primeiro asalto rematou sen apenas intercambio de golpes, cos dous boxeadores buscando máis esquivar que golpear, e os xuíces viron Alfonso gañador por decisión dividida (3-2).

Pero no segundo round Reyes foi a por todas desde o primeiro intre e empezou a dominar o combate ante un rival moi pasivo que buscaba constantemente o agarre para evitar os golpes. Aparente vantaxe para o Profeta... mais non a ollos dos xuíces, que se decantaron polo azerí de novo.

E coa necesidade imperiosa de imporse no ring saltou con moita forza ao terceiro e decisivo asalto, levando a iniciativa con Alfonso de novo máis preocupado de esquivar que de golpear. Pero a súa ofensiva final foi insuficiente, sen ser capaz tampouco de facer especial dano ao azerí, que continuou con moita pasividade, e os xuíces acabaron dando a vitoria e o pase á final a Loren Alfonso (4-1) despois de outorgarlle tres 10 no terceiro round fronte a dous de Reyes Pla.

Comentarios