París 2024 | Slálom

Manu Ochoa pasa á seguinte rolda como primeiro da súa serie en caiac cross

Este domingo, superada xa a rolda eliminatoria, comezan as series clasificatorias no estadio náutico de Vaires-sur-Marne (15:30 horas).
O padexeiro tomiñés Manu Ochoa, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
photo_camera O padexeiro tomiñés Manu Ochoa, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 vía Europa Press)

Introducir o caiac cross no programa olímpico do piragüismo slálom foi sen dúbida ningunha un dos grandes acertos de París 2024. Ver catro padexeiros —ou tres nalgunhas mangas das roldas clasificatorias— lanzarse á auga desde unha rampla para correr cóbado con cóbado e intentar alcanzar na primeira posición unha meta á que se chega despois de sortear oito portas —seis delas a favor— cun xiro de 360 graos na auga incluído supón un xute de adrenalina extra tanto para o espectador como para o propio protagonista.

Este sábado, despois da contra o reloxo da sexta feira que determinou a composición das diferentes mangas, os 38 mellores padexeiros do mundo nesta modalidade enfrontáronse á primeira rolda eliminatoria, enfrontándose en series de tres ou catro competidores das que pasaban automaticamente á seguinte fase os dous primeiros clasificados mentres o resto confiaban as súas últimas opcións á repesca. E alí estivo o tomiñés Manu Ochoa, décimo na contra o reloxo.

Na primeira carreira deste sábado impúxose con claridade o británico Joseph Clarke, actual número un do ranking mundial, cumprindo así coas expectativas. Acompañouno á seguinte rolda o tunecino Salim Jemai, mentres o estadounidense Casey Eichfeld, máis rezagado, pasou á repesca rematando a carreira terceiro e cun irónico sorriso de quen é consciente de que non estivo á altura.

Na segunda manga clasificáronse o chinés Xin Quan e o brasileiro Pedro Gonçalves, nunha carreira moi disputada na cabeza e accidentada para Amir Rezanejad, do Equipo Olímpico de Refuxiados, que caeu do caiac antes de cruzar a meta e non puido concluíla.

O francés Titouan Castryck foi o vencedor da terceira serie, seguido do senegalés Yves Bourhis, e o irlandés Noel Hendrick pasou á repesca. E outro padexeiro do equipo de Francia, Boris Neveu, conseguiu imporse tamén na cuarta carreira ao checo Lukas Rohan, tamén clasificado como segundo, e o comorense Andy Barat, terceiro, que foi á repesca.

Na quinta vimos unha bonita loita entre o italiano Giovanni de Gennaro e o sueco Isak Ohrstrom que non se decidiu até os últimos metros —máis concretamente, na última porta, que se lle atragoou a Ohrstrom—. Á repesca pasou o neerlandés Joris Otten, algo máis rezagado que os seus contrincantes desde a saída.

E a sexta manga foi para Finn Butcher, de Nova Zelandia, que soubo imporse a Martin Dougoud —segundo—, de Suíza, e Mathis Soudi —terceiro—, de Marrocos. Inicialmente Dougoud foi penalizado por saltarse a porta 6 e relegado á repesca, mais a acción foi revisada e recuperou o segundo posto que lle daba o pase directo.

A partir da sétima carreira multiplicouse a emoción, pois pasaron a compartir a canle de augas bravas catro padexeiros. Nesta o claro e xusto vencedor foi o austríaco Felix Oschmautz, que non tivo rival. E segundo entrou o alemán Stefan Hengst, moi ben durante toda a carreira até que chegou á última porta, que se lle complicou e fixo que perdese moito tempo. Á repesca foron como terceiro e cuarto o croata Matija Marinic e o irlandés Liam Jegou.

Na oitava manga o gañador foi o padexeiro xermano Noah Hegge, a quen o acompañou o eslovaco Jakub Grigar no pase á seguinte rolda. O esloveno Peter Kauzer foi terceiro e o británico Adam Burgess, cuarto. E na novena rematou en cabeza o australiano Timothy Anderson, seguido, por esta orde, do polaco Mateusz Polaczyk, o taiwanés Shao-Hsuan Wu e o esloveno Benjamin Savsek.

E a décima foi a quenda do tomiñés Manu Ochoa, quen chegaba co mellor tempo da súa serie e competiu contra o checo Jiri Prskavec, o canadense Alex Baldoni e o polaco Grzegorz Hedwig. O galego fixo unha maxistral saída e comnseguiu ficar á cabeza nada máis caer da rampla. Executou ben todas as portas e non houbo quen o parase en todo o circuíto. Rematou o percorrido primeiro e ben distanciado do segundo, Baldoni. O checo Prskavec foi terceiro e o polaco Hedwig, cuarto.

E finalmente na undécima e derradeira manga eliminatoria impúxose o catalán Miquel Travé. O xaponés Yuuki Tanaka pasou como segundo, e á repesca foron o eslovaco Matej Benus e o australiano Tristan Carter.

A seguinte fase, este domingo

Este domingo, superada xa a rolda eliminatoria, comezan as series clasificatorias no estadio náutico de Vaires-sur-Marne (15:30 horas). E a segunda feira será o prato forte desta competición, pois será cando se disputen os cuartos de final, as semifinais e a propia final entre os catro mellores padexeiros polas medallas.

Comentarios