París 2024 | Natación

Léon Marchand e Kaylee McKeown, a ouro e récord olímpico por carreira

O francés consegue o seu terceiro triunfo con plusmarca incluída nestes Xogos; a australiana, o segundo.
A australiana Kaylee McKeown, esta sexta feira. (Foto: Dave Hunt / AAP / DPA vía Europa Press)
photo_camera A australiana Kaylee McKeown, esta sexta feira. (Foto: Dave Hunt / AAP / DPA vía Europa Press)

Terceira final para o nadador francés Léon Marchand e terceiro ouro... con récord olímpico incluído. Xa advertiamos na Guía dos Xogos Olímpicos editada por Nós Diario de que Marchand sería sen dúbida un dos grandes atractivos en París, pero parece decidido a seguir superando día tras día todas as expectativas.

O francés arrebatoulle esta sexta feira un novo récord olímpico a toda unha lenda deste deporte como Michael Phelps: o dos 200m estilos, proba na que parou o crono en 1:54.06, sacando máis dun segundo de distancia ao segundo e terceiro clasificados, o escocés Duncan Scott (1:55.31) e o chinés Shun Wang (1:56.00).

Previamente puña en pé a piscina de La Défense Arena a australiana Kaylee McKeown, quen tamén se converteu na nova plusmarquista olímpica facendo os 200m costas en 2:03.73. A prata foi para a estadounidense Regan Smith (2:04.26), e o bronce, para a canadense Kylie Masse (2:05.57). Esta era a segunda final para McKeown despois de estrearse con outro ouro, e récord olímpico, nos 100m costas.

E sen récord olímpico pero non por iso menos importante a piscina olímpica acolleu hoxe tamén a final dos 50m libres masculino, que gañou o australiano Cameron McEvoy (21.25), seguiod do británico Benjamin Proud (21.30) e o francés Florent Manaudou (21.56).

Comentarios