París 2024 | Remo

O noiés Caetano Horta obtén o seu segundo diploma olímpico

Gran regata de Horta e Dennis Carracedo para rematar con premio a súa actuación no dobre scull lixeiro de París.
Dennis Carracedo e Caetano Horta, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 vía Europa Press)
photo_camera Dennis Carracedo e Caetano Horta, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 vía Europa Press)

Non conseguir o ansiado pase á gran regata polas medallas foi un duro golpe para o noiés Caetano Horta e o catalán Dennis Carracedo, quen esta sexta feira puideron redimirse conseguindo un meritorio diploma olímpico após remataren segundos na final B do dobre scull lixeiro de remo.

Saíron moi fortes Horta e Carracedo, dispostos a botar os restos neste último esforzo en París para non marchar de baleiro. Pasaron o primeiro segmento  dos 500 metros sentindo de perto o alento de Francia, que cruzou a escasas 32 centésimas, pero no seguinte treito empezaron a marcar distancia. Pisaron o acelerador e marcaron un ritmo moi alto que non parecían poder seguir o resto de botes.

No último segmento avantaxaban xa Francia, que mantiña unha dura pugna con Bélxica pola segunda praza que concede o derradeiro diploma, en case dous segundos. Nos últimos metros, con todo, belgas e franceses sprintaron con todas as súas forzas e estes últimos acabaron por alcanzar o galego e o catalán, segundos a pouca distancia dos belgas, a piques tamén de superalos e arrebatarlles o premio.

A piques estivo de precisarse a photo finish para determinar os gañadores, pois os tres equipos cruzaron a meta de Vaires-sur-Marne practicamente á par e a diferenza foi de centésimas: 17 para separar os franceses do galego e o catalán e outras 38 entre eles e os belgas. A unha maior distancia remataron México, Ucraína e Arxentina.

Este é o segundo diploma olímpico para o remeiro nado en Noia con só 21 anos, pois en Toquio, cando acababa de alcanzar a maioría de idade, obtivo o mesmo premio —daquela co tamén catalán Manel Balastegui como compañeiro—.

Irlanda, campioa olímpica

Na gran final do dobre scull lixeiro masculino o bote de Irlanda non tivo rival. Venceu por máis de dous segundos de diferenza o segundo e o terceiro clasificado, Italia e Grecia, que pelexaron até o momento mesmo de cruzar a meta unha prata que acabaron levando os italianos por 11 centésimas.

Comentarios