París 2024 | Boxeo

O Profeta non se conforma co bronce e xa pensa na gran final: "Quero unha foto miña xigante en Roland Garros"

Enmanuel Reyes Pla enfrontarase na semifinal ao azerí Loren Alfonso, quen derrotou en primeira rolda o vixente campión olímpico, o cubano Julio César La Cruz.
O árbitro anunciando Enmanuel Reyes Pla como gañador esta quinta feira. (Foto: RTVE)
photo_camera O árbitro anunciando Enmanuel Reyes Pla como gañador esta quinta feira. (Foto: RTVE)

Nova medalla asegurada para o deporte galego que podería ser ouro, prata ou bronce. O boxeador da Coruña Enmanuel Reyes Pla foi o claro vencedor do combate de cuartos de final ante o belga Victor Schelstraete desta quinta feira, e así o consideraron tamén os xuíces, que lle deron ao púxil galego o billete ás semifinais por decisión unánime.

Após o combate o boxeador pasou pola zona mixta do París Norte Arena, onde se atopaba Nós Diario, cun enorme sorriso que evidencia a satisfacción polo traballo ben feito e a consecución dos obxectivos. "O primeiro combate [co chinés Xuezhen Han] foi máis duro, hoxe tiven a oportunidade de boxear máis e vinme ben. Sabía a que viña [Schelstraete], conectei bos golpes e fixen o meu boxeo como tiña que facelo", dixo. É todo un soño cumprido para el... e para toda a súa familia, que o seguiu desde A Coruña: "Falei con eles por teléfono, apoiaron como sempre, e espero que estean orgullosos".

O bronce está xa asegurado mais non abonda para O Profeta, que agora só pensa en subir ao máis alto do podio. "Xa soñara con isto; agora, a polo ouro", manifestou, cando aínda non sabía que o seu rival sería o azerí Loren Alfonso —o verdugo do vixente campión olímpico, o cubano Julio César La Cruz, na primeira rolda—, quen derrotou o kazako Aibek Oralbay no mesmo escenario horas despois (3-2). Mais tampouco parecía preocuparlle demasiado quen gañase: "Coñézoos aos dous, xa pelexei contra eles e xa lles gañei".

E se ben é consciente de que "isto son uns Xogos Olímpicos e aquí non te podes confiar porque todos veñen a polo ouro", confía no seu estilo sobre o ring e agarda seguir "dando 'palo' e arrincando cabezas", como el mesmo di, tanto na semifinal deste domingo como nunha hipotética final en Roland Garros o 9 de agosto. "Quero ir alí, gañar e que poñan unha foto miña ben grande", dixo, en alusión á estatua de Rafa Nadal presente nese escenario.

Comentarios