MÁIS

O pecado orixinal da Retorta

Como chegou a invasión de eucalipto á Galiza

 

O souto da Retorta, un dos monumentos naturais da Galiza, con máis de 600 espécimes de eucalipto.  (Foto: Deputación de Lugo)
photo_camera O souto da Retorta, un dos monumentos naturais da Galiza, con máis de 600 espécimes de eucalipto. (Foto: Deputación de Lugo)

Se algo chama a atención na parroquia de Chavín, concello de Viveiro (Mariña Occidental) son os numerosos e xigantes eucaliptos do souto da Retorta. Se ben resulta paradoxal que sexa un bosque cunha meirande parte da natureza invasora o que cope o interese ambiental, este conta con exemplares de recoñecido valor como é o caso do 'Avó' que figura dentro do Catálogo Galego de Árbores Senlleiras da Xunta da Galiza. Unha distinción que destaca os trazos daqueles espécimes que por tamaño, idade, significación histórica ou cultural son considerados "reliquias botánicas" pois enténdese que presentan un valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental maior que o resto de árbores. 

Neste caso, o 'Avó' conta cunha altura de 67 m de altura, 10,5 m de perímetro e arredor 150 anos e por estes motivos é "protexido a todos os efectos", o que supón a prohibición de calquera acción que poida repercutir nela. Así, por exemplo, é o único eucalipto con valado ao seu redor. 

Porén, hai moita máis beleza no eucaliptal de Chavín, por exemplo a do pequeno roteiro de 1 km á beira do río Landro e das fervenzas como a de Salto do Can e Pozo da Ferida, nas  que a auga cae de alturas de máis de 30 metros. Unhas destas caídas de auga -a do Pozo da Ferida- conta cun halo lendario, pois dise, entre outros relatos, que non ten fondo.

Ademais, esta zona natural de Viveiro resulta especialmente atractiva para sendeiristas, familias ou persoas con cans que poden camiñar á sombra de carballos galaico-portugueses, eucaliptos e castañeiros e ao fresco do espazo de ribeira, aínda que non poderá ser nos próximos meses, por mor dos labores de mantemento do souto (retirada de ramas secas, eliminación de exemplares enfermos, etc.). Desde a última semana de xuño de 2024, o monumento permanece fechado e sen data de reapertura. Ante todo, a saúde da súa biodivesidade e flora resulta prioritaria para un bosque de máis de 100 anos.

Unha árbore singular

Xunto ao río Landro en Viveiro (Mariña Occidental), esténdese o eucaliptal de Chavín ou souto da Retorta, que forma parte da Rede Natura. Este conta coas distincións de Monumento Natural e co Avó, eucalipto centenario no Catálogo Galego de Árbores Singulares. 

Un pasado fabril  

Antes, o monumento formara parte da fábrica de tecido de Bassols e Cía (1849) e do complexo industrial Barro-Chavín (1897-1981), propiedade do mindoniense Xosé Barro González. Esta última empresa situou Viveiro no mapa industrial e automobilístico.

Historia: as orixes

Os eucaliptos que hoxe invaden toda a franxa litoral galega, máis de 409.026 segundo datos do Inventario Forestal Continuo de Galiza, terían orixe neste espazo de 3,19 hectáreas. O motivo para plantar estas árbores eran, supostamente, as constantes inundacións que asolagaban o lugar froito das crecidas do río Landro, paralizando as actividades fabrís. Desta forma, no século XIX, coincidindo coa chegada do eucalipto a Europa, empregaríase como ferramenta de drenaxe natural do terreo en Viveiro. De aquí, forestaríanse aproximadamente 600 eucaliptos no souto da Retorta, algúns deles con alturas considerábeis de máis de 60 metros.

Comentarios