O Lérez Up 2024 quece motores coas entradas anticipadas xa á venda

Este ano inclúe zonas sobre a saga Star Wars e a cultura coreana

Unha imaxe da edición do ano pasado do Lerez Up
photo_camera Unha imaxe da edición do ano pasado do Lerez Up

Lérez Up, o salón de videoxogos e cultura friki, organizado pola asociación Gaming Troop e o Concello de Pontevedra, terá lugar o 28 e 29 de setembro no Recinto Feiral da cidade. As entradas xa se poden conseguir a través da web de Percalandia.

Máis de 4.000 persoas con paixón polos videoxogos, a cultura xaponesa e o ocio alternativo pasaron pola Lérez Up o pasado verán. Un punto de encontro que conta coa participación de diferentes asociacións que se agrupan baixo un paraugas de actividades para todos os gustos: obradoiros, charlas de arte e videoxogos, torneos, xogos de mesa, Magic, cosplay, karaoke, k-pop, simracing e VR.

Este ano mantéñense as áreas máis populares como a Zona de Consolas; a Zona de PCs, con xogo libre e torneos de Valorant e League of Legends; a Zona de Stands, con máis de 60 postos de artistas e comerciais; ou a Zona de descanso, con diferentes foodtrucks para todos os gustos; e como novidade, haberá unha zona dedicada á saga Star Wars, e outra pensada para as seareiras e seareiros da cultura coreana con actividades relacionadas co mundo do K-POP.

Tamén se ampliarán a Zona de xogos de mesa, onde este ano haberá torneos de Warhammer; a Zona de Magic, bautizada este ano como Zona Card Games, ao incluír novos títulos de cartas; e a Zona de Smash, que este ano pasará a chamarse Zona Fighting Games, ao incorporar tamén o torneo de Tekken 8 e o de Smash Bros, que xuntou máis de 100 persoas de todo o Estado e Portugal na edición pasada.

A convención incluirá unha zona con postos dedicados a xogos indies. Así, desenvolvedoras e creadoras independentes presentarán os seus videoxogos, para que o público as coñeza.

Comentarios