MÁIS

Pardiñas, para conectar coa Galiza

Guitiriz (A Terra Chá) acollerá a partir de hoxe e até o 4 de agosto a 45 edición do Festival de Pardiñas. Actuacións musicais chegadas de todos os puntos do planeta, campionatos deportivos e diversas exposicións artísticas serán as protagonistas desta festividade organizada desde os seus comezos pola Asociación Cultural Xermolos. O festival celerará así as súas vodas de zafiro en amor coa cultura galega. 
A música e a ledicia dominan o torreiro durante o Festival de Pardiñas. (Foto: Rosa Varela)
photo_camera A música e a ledicia dominan o torreiro durante o Festival de Pardiñas. (Foto: Rosa Varela)

A Asociación Cultural Xermolos leva máis de 40 anos apostando pola cultura, artesanía e música da Galiza e achegándoa a Guitiriz (A Terra Chá) a través do Festival de Pardiñas. Hoxe encetan a 45 edición desta Festa de Interese Turístico Galego e que, desde Xermolos, denominan con Agarimo como "Feira e Festa da Música e da Arte", porque toda gran xuntanza merece uns apelidos que a acompañen. Ao longo dos anos, o festival logrou cifras interesantes de asistentes e, aínda máis importante, un incríbel arraigo nas persoas amantes da cultura galega. Para esta edición espéranse arredor de 15.000 persoas.

Pardiñas naceu como un movemento por parte da mocidade da vila, que buscaba unha alternativa de ocio inexistente durante os anos de ditadura e transición. "Querían unhas festas radicadas na música do país, onde houbese gastronomía, artesanía ou inclusive literatura", relata Alfonso Blanco a Nós Diario. Ten a honra de dicir que é o fundador de tan importante festival, ademais dun dos coordinadores da Asociación Xermolos. Os seus membros bailan arredor de variadas idades mais todos están na asociación coa misión de preservar e difundir a cultura propia da Galiza. Xermolos non foi o seu primeiro nome, xa que antes coñecíanse como "Raíces e Cañotos". Con todo, a crecente presenza da mocidade entre as súas filas levounos a buscar un novo nome e que mellor que un en referencia a ese xerme do que brotaba unha nova planta, mais sen esquecer as raíces. O festival é un reflexo do que é a Galiza; un pobo de artistas. Con todo, sen esquecer o resto de culturas propias de cada país. Nesta ocasión, chegarán até A Terra Chá grupos e cantantes provenientes da Bretaña, Portugal, Francia, Bélxica ou inclusive da outra beira da charca, como Cuba. 

Música en todos os recunchos

O Festival de Pardiñas encetará a súa intensa fin de semana esta tarde co partido amigábel de Fútbol Gaélico da man da Liga Gallaecia. A décima edición do Certame de Cantos de Taberna tomaralle o relevo, cunha previa amenizada pola Escola de Música Tradicional de Xermolos para preparar o corpo antes do encontro, que terá lugar ás 20 horas en diferentes puntos de Guitiriz. 

Pardiñas comezará por todo o alto coa Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, que leva máis de 30 anos festexándose. O seu obxectivo é recoñecer o labor realizado polas artesás e artesáns, que fan posíbel empregando só as súas mans, o descubrimento máis aló das nosas fronteiras dos instrumentos musicais da Galiza. Participarán 33 artesáns, a maioría galegos, pero tamén se acollerá a artesanía elaborada por expertos e expertas chegadas de Euskadi, Portugal, Catalunya ou Madrid. 

O encontro amenizarase cos Canallas durante a sesión vermú, actuación tras a que se abrirá oficialmente a mostra co pregón de Antón Santamaría. Un intre antes, ás 16 e 16.30 horas, respectivamente, comezarán o Aberto de Billarda e a XLV Mostra de Artesanía. A xornada decorrerá coa actuación de Lembranzas do Tambre e a carreira popular, que leva tantas edicións como o Festival de Pardiñas. Bloguinho de Xermolos e 100 Voltas darán comezo aos os concertos da noite no torreiro. Esta última é unha banda galaico-belga que mestura elementos actuais con textos tradicionais, propios e da vangarda galega. Seguiranos Septeto Naborí, que veñen desde Cuba para achegar a súa cultura. Aroze fará o propio desde Francia e empregando influencias celtas e orientais ao son do violín e a música techno. Paula Chaves fechará a xornada do sábado. 

O Festival de Pardiñas acolle a Mostra de Instrumentos de Música Tradicional e a MOstra de Artesanía, entre outros

Conectar coa cultura da Galiza

A Mostra de Instrumentos do domingo facilitará o aprendizaxe sobre a nosa música tradicional. Ao mediodía, Oli Xiráldez impartirá un obradoiro de Treboada para amosar ao público as grandes dimensións propias dos bombos de mallada. O derradeiro obradoiro de Pardiñas será de baile tradicional con Ruth Pérez, bailadora e mestra. A Mostra rematará coa actuación de SilvaRedonda, mais a troula aínda ten moito por andar. 

O Festival de Pardiñas tamén  deixa espazo para a reivindicación dun pobo fortemente oprimido, Palestina. O xenocidio será o tema central do recital poético desta edición. Decorrerá no marco da Mostra de Artesanía, como o II Encontro de Regueifa na Terra Chá e o espectáculo Circanelo, perfecto para o entretemento das crianzas. Os actos de carácter oficial rematarán co pregón de Iago Santalla e a entrega de premios  do XLV Certame Terra Chá de creación infantil e xuvenil. Nel participaron obras elaboradas por alumnos de centros escolares de toda a Galiza. Contos. fotografías, cómics, vídeo, documentais ou rap son algúns dos soportes empregados.

Con todo a música non se detén no Pardiñas e os catro músicos que forman Ailá somerxerannos no universo Folk a través das cantigas populares que todas e todos coñecemos. Gwendal, da Bretaña, e Kumpania Algazarra, de Portugal, son o prato estranxeiro do domingo. Os bretóns achégannos a música celta que tan ben coñecemos, mais con influencias da música tradicional irlandesa, rock e jazz. Por outra parte, os e as artistas do outro lado da raia están a ter un grande éxito en termos de música castiza portuguesa. Mesturan uvariedade de estilos nos seus temas: afrobeat, aires latinos, ska ou música árabe, levando sempre o optimismo e a ledicia por bandeira.

O último proxecto de Jásper, Loita Amada, será o encargado de fechar nesta edición o Festival de Pardiñas. O artista posúe unha longa traxectoria como membro de diferentes grupos, como Xenreira ou Nao. Xunto co resto de membros de Loita Amada, o torreiro da festa encherase do carácter combativo da canción protesta galega combinado coa sensibilidade amorosa que caracteriza o seu primeiro disco. 

"O Festival danos esa posibilidade de mergullarnos nun mar de creatividade e música, porque Pardiñas crea vida, saúde e, sobre todo, xera beleza", relata Alfonso Blanco, orgulloso de levar máis de 40 anos pondo Guitiriz e a cultura galega no mapa. O fundador do Pardiñas destaca tamén a inmensa familia que é Pardiñas, sentimento que se lle transmite rapidamente a todo aquel que poña un pé na carballeira de Guitiriz.
 

Comentarios