MÁIS

Chega o verde da Arnoia

A vila xa arrecende a pementos fritidos na súa XLV edición.
As voluntarias e voluntarios do concello de Arnoia nas cociñas da anterior edición da Festa do Pemento. (Foto: Concello de Arnoia)
photo_camera As voluntarias e voluntarios do concello de Arnoia nas cociñas da anterior edición da Festa do Pemento. (Foto: Concello de Arnoia)

O campo da Queixeira comeza a prender os fogóns para acoller a partir de hoxe a XLV edición da Festa do Pemento de Arnoia (O Ribeiro). Trátase dunha cita de Interese Turístico Galego na que se poderá catar o pemento en diversas presentacións. Non faltará a súa forma básica, fritida, mais nesta edición volverán variacións como a tortilla e as croquetas elaboradas con pemento, os recheos de carne ou bonito e o prato doce, un xeado a base desta hortaliza que namora todo aquela persoa que o proba. 

O pemento de Arnoia ten unha Indicación Xeográfica Protexida. A zona abrangue unha área de 23 quilómetros cadrados pertencentes á parte máis baixa dos vales delimitados polos ríos Miño e Arnoia ao seu paso polo concello homónimo. 

A Festa do Pemento aposta pola unión e a colaboración entre a veciñanza. O feito de que as cociñas as ocupen perto de 150 voluntarias e voluntarios natais da Arnoia é a confirmación destes valores. Desde a organización espérase vender arredor de 3.000 quilos e acoller perto de 10.000 visitantes espallados entre os tres días. Haberá cinco quendas para gostar deste manxar, tendo lugar a primeira delas hoxe a partir das 21 horas. Mañá e o domingo haberá dúas, ao mediodía e ás 20 horas.

Na Queixeira tampouco faltarán as actuacións musicais para todos os gustos. As charangas Sorcha e CLK amenizarán todas as xornadas. Mañá pola noite pasarán por Arnoia diferentes agrupacións tradicionais, como As Lagharteiras de Mos, Airiños de Arnoia, Medialeva e Tremelique no VIII Festival de Pandereteiras "Arnoia Viva". As verbenas  soarán ao ritmo da Orquestra Panorama e Discomóbil MVP, entre outros.

Comentarios