París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | O teu maior rival es ti mesmo?

Boa xornada para o deporte galego con dous diplomas olímpicos para Rodrigo Conde, en remo, e Nikoloz Sherazadishvili, en judo, e unha medalla —aínda por determinar— para Enmanuel Reyes Pla, en boxeo.
O boxeador Enmanuel Reyes Pla saltando esta quinta feira ao ring do París Norte Arena. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
photo_camera O boxeador Enmanuel Reyes Pla saltando esta quinta feira ao ring do París Norte Arena. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)

Unha das frases que máis repite o boxeador Enmanuel Reyes Pla, que esta quinta feira asegurou unha nova medalla para o deporte galego, é que o teu maior rival es ti mesmo. A priori pode parecer a clásica palabraría barata de libro motivacional de 9,99 euros, pero non por iso deixa de ter algo de certo, pois cando estás ben concentrado no teu obxectivo, cando te preparas durante meses —mesmo anos— para logralo, e sobre todo cando consegues dominar os nervios, se o vento sopra un pouco ao teu favor non haberá quen te pare.

E iso foi o que O Profeta demostrou hoxe no ring do París Norte Arena, nun combate no que foi superior de principio a fin e no que o belga Victor Schelstraete non puido facer outra cousa que buscar os agarres permanentes a Reyes Pla para evitar unha ensalada de golpes que o deixou pedindo papas no derradeiro asalto. Estando a este nivel poucos boxeadores poden tusir ao galego, e non parece ilusorio pensar nun ouro.

Ao púxil da Coruña parece que lle funciona esta filosofía, mais non sempre é así. Hoxe o remeiro moañés Rodrigo Conde deixou os restos na gran final do dobre scull masculino xunto ao seu compañeiro Aleix García, mais non foi abondo para coarse nun podio que coparon Romanía, Países Baixos e Irlanda nunha regata dun altísimo nivel, cos romaneses cruzando a meta co mellor tempo de toda a competición. Conde, porén, pode voltar ben orgulloso á súa Moaña natal cun diploma baixo o brazo nos seus primeiros Xogos.

E co mesmo premio rematou esta tarde a súa aventura en París o judoka galego-xeorxiano Nikoloz Sherazadishvili, quen caeu en cuartos, levantouse con forza para vencer na repesca o vixente campión olímpico... e acabou caendo de novo no combate polo bronce. Boa actuación de Shera, en calquera caso.

E asumirmos que o teu maior rival podes ser ti mesmo leva implícita tamén unha parte negativa: que se as cousas non dan saído ben, pode que só vaian a peor. A selección estatal de balonmán feminina, que ten en nómina a valdoviñesa Alicia Fernández, despediuse hoxe duns Xogos Olímpicos dos que —a falta dun último partido para fechar a fase de grupos ante a todopoderosa e invicta Francia— marcha de baleiro: catro derrotas de catro, esta última ante Hungría por 27 a 24, mostrando leves signos de melloría que a todas luces non abondaron para reverter a situación.

Comentarios