París 2024 | VÍDEO

A CONTRACRÓNICA | Que un mal día non eclipse os teus logros

Támara Echegoyen despídese dos Xogos Olímpicos e Caetano Horta, da loita polas medallas.
Dennis Carracedo e Caetano Horta, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)
photo_camera Dennis Carracedo e Caetano Horta, no estadio náutico de Vaires-sur-Marne. (Foto: AFP7 / Europa Press)

Bastante afectado víase esta cuarta feira ao remeiro noiés Caetano Horta após non conseguir o seu obxectivo primordial nestes Xogos Olímpicos: alcanzar a final que se lle escapou hai tres anos en Toquio. El e mais o catalán Dennis Carracedo empezaron ben a regata da segunda semifinal, mais terminaron cedendo ante o alto ritmo marcado por Italia, Grecia e Noruega.

Horta pode aínda conseguir esta sexta feira nada menos que o seu segundo diploma olímpico con só 21 anos —o primeiro gañouno con 18—, e aínda que non poderá regresar a unha Noia abondo orgullosa do papel do seu veciño en París coa ansiada medalla, ten aínda unha longa e sen dúbida frutífera carreira por diante no remo.

E tamén esta cuarta feira marchou de baleiro a regatista ourensá Támara Echegoyen, que se despide aos seus 40 anos dos que probabelmente serán os seus últimos Xogos. Coa mesma compañeira que en París, a balear Paula Barceló, ficou en Toquio a un pasiño da que sería a súa segunda medalla —foron cuartas—, pero pouco máis lle quedaba por demostrar a unha muller que foi nada menos que a primeira medallista olímpica da historia da Galiza —ouro en Londres 2012 no Elliott 6m coa coruñesa Sofía Toro e a asturiana Ángela Pumariega—.

Perder nunca é doado, menos aínda para quen ve tan perto o podio olímpico, pero unha derrota non pode empanar todos os logros anteriores —e os que están por vir—. Caer e levantarse, levantarse e caer, como na vida mesma. Non hai máis.

Hoxe puidemos ver tamén, por fin, as dúas probas de tríatlon —feminina e masculina— que correron perigo até o último instante debido á contaminación do río Sena. A primeira gañouna a francesa Cassandre Beaugrand despois de non poder rematala en Toquio, e a masculina, o británico Alex Yee, a quen se lle escapou por moi pouco o ouro hai tres anos. Exemplos de tesón e perseverancia.

E nesta última proba, a masculina, vimos o debut nuns Xogos Olímpicos de Antonio Serrat, que cruzou a meta no trixésimo segundo posto após un tríatlon no que non se rendeu e pelexou até o final por ir remontando na clasificación.

Con todo, ollando cara aos deportes de equipo, catro galegas tiveron unha boa xornada: Paula Ginzo e María Araújo, que venceron pola mínima a Porto Rico coa selección estatal de baloncesto; Teresa Abelleira, no fútbol, vencendo Brasil, e Rodrigo Corrales no balonmán, ante Xapón.

Rematamos o día con dous novos récords na natación da man de dous xigantes como son o francés Léon Marchand —o segundo que consegue en París— e a estadounidense Katie Ledecky, que final tras final demostran non ter rivais.

Comentarios