Dimite o primeiro tenente de alcalde das Pontes, Antonio Alonso

Número 2 do Goberno local dirixido por Valentín González Formoso
anton alonso as pontes
photo_camera Antón Alonso

O primeiro tenente de alcalde das Pontes, Antonio Alonso Román, presentou a súa dimisión ante a situación xudicial na que se "viu inmerso nos últimos días". "Coa intención de defender a miña inocencia e honorabilidade e evitar posibles interferencias no normal funcionamento do Concello das Pontes, decidín presentar a miña dimisión e a miña renuncia á acta de concelleiro na corporación municipal das Pontes", detallou nun comunicado.

Neste sentido, afirmou que "confía plenamente na xustiza". "Os feitos dos que se me acusa non son certos e demostrarei a miña total inocencia en sede xudicial", afirmou o que é o número 2 do Goberno local, dirixido por Valentín González Formoso (PSdeG)

Segundo indican varios medios, como Diario de Ferrol, estaría implicado nun presunto caso de violencia de xénero.

O BNG local, nun comunicado publicado en redes sociais horas antes da dimisión, explicou que a terza feira realizaron no Concello das Pontes unha xunta de portavoces para "coñecer e cualificar" os feitos acontecidos e que "suscitan alarma social no pobo".

Na reunión, segundo a formación nacionalista, Alonso "confirmou a súa relación dos feitos" e comunicou a súa "vinculación nun procedemento xudicial".

O BNG, "defendendo a presunción de inocencia á que teñen dereito todas as persoas", entenden que a situación xurídica do primeiro tenente de alcalde "non é compatible" coa imaxe e responsabilidade que debe asumir o Concello como institución polo que consideraron que "debería abandonar" as súas funcións ata que se clarifiquen os feitos en sede xudicial.

Comentarios