Falece Gerardo Pérez Puga, concelleiro do PP de Pontevedra

Gerardo Pérez Puga, concelleiro do PP na cidade de Pontevedra, faleceu aos 61 anos de idade, segundo informou esta cuarta feira o seu partido.
Gerardo Pérez Puga. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gerardo Pérez Puga. (Foto: Nós Diario)

Gerardo Pérez Puga, concelleiro do PP na cidade de Pontevedra, faleceu aos 61 anos de idade, segundo informou esta cuarta feira o seu partido. "Hoxe déixanos un gran amigo e compañeiro. Gerardo Pérez Puga foi un exemplo de superación para todos os concelleiros", di o comunicado da formación.

"A nosa dor súmase á dos seus familiares e amigos. Lembrarémoste pola túa entrega, compañeirismo e ilusión por gozar de cada segundo. DEP [descansa en paz], amigo", publicou nas súas redes sociais a agrupación local do PP.

O edil pontevedrés estaba ingresado na planta de neuroloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (CHUP), onde foi derivado de Montecelo tras as complicacións xurdidas despois dunha operación á que se someteu a pasada terza feira, 23 de xullo.

Pérez Puga foi directivo de banca e formou parte do Consello Social da Universidade de Vigo. Desde o ano 2018 formaba parte do grupo municipal do PP sendo o responsábel da área de Economía e Facenda. O Concello de Pontevedra emitiu un comunicado no que lamentou a súa perda e transmitiu as súas condolencias á familia, amigos e compañeiros de Corporación.

"Ao longo destes anos foi un membro activo dos plenos municipais, mostrándose como un digno e serio representante da sociedade pontevedresa, sendo unha persoa amábel e próxima", sinalou o consistorio.

O acto de despedida será esta quinta feira, 1 de agosto, no salón do tanatorio San Marcos, onde será velado o seu corpo. O funeral será ás 20 horas, na Basílica de Santa María a Maior e a incineración realizarase na intimidade familiar.

Ademais, no vestíbulo de entrada do edificio administrativo da rúa Michelena, sede do Concello de Pontevedra, instalarase un libro de condolencias para que a cidadanía pontevedresa poida expresar a súa pésame.

Comentarios