A oposición rexeita o teito de gasto proposto pola Xunta por "raquítico", "insuficiente” e “conformista"

O PP, pola contra, di que representa a "cifra máis alta da historia" e é "sensato”

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento. (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos, no Parlamento. (Foto: Arxina)

O BNG e o PSdeG avanzaron que rexeitarán o teito de gasto, que se debaterá esta cuarta feira nun pleno no Parlamento que arrincará ás 13.00 horas, por considerar que é "raquítico", "insuficiente e conformista".

O Consello da Xunta deu a segunda feira o visto e prace a un teito de gasto non financeiro de 13.954 millóns de euros para 2025, o que supón 344 millóns máis que a cifra de límite definitivo de 2024 -con fondos Next Generation-, 2,5% máis.

Nas súas comparecencias após a reunión da Xunta de Portavoces que fixou a orde do día desta sesión, que contempla como único punto o debate deste documento, a viceportavoz parlamentaria do PSdeG, Lara Méndez manifestou que o teito de gasto proposto polo PP é "insuficiente, continuista e conformista" e "repercute negativamente nos servizos públicos no estado de benestar dos galegos e as galegas".

Así mesmo, dixo que a Galiza crece menos que a media estatal e que o seu crecemento débese exclusivamente ao impulso do resto de España e aos fondos europeos, "os cales, por outra parte, non se están aproveitando nin executando de forma efectiva". Por iso, insistiu na necesidade dunha política económica con marca galega e maior ambición, sen depender só do crecemento de España.

Pola súa parte, a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, que anunciou o voto en contra da súa formación, dixo que o teito de gasto presentado polo Goberno do PP recolle un "incremento raquítico" da capacidade de gasto do exercicio anterior, con tan só 344 millóns máis que en 2024.

A parlamentaria nacionalista rebaixou deste modo os "fogos de artificio" dun PP que "anuncia grandísimas cifras" cando "non aumenta practicamente nada". "Máis ben o que parece que nos anticipan as cifras do teito de gasto que presenta o PP é unha conxelación dos orzamentos se o comparamos co incremento do teito de gasto do ano pasado".

Así, lembrou que crece só 2,5%, o que supón "a metade" que o feito en 2024, nun orzamento no que aínda hai achegas imperantes dos fondos europeos Next Generation.

De igual modo, tamén criticou o procedemento "chafalleiro e aceleradísimo" levado a cabo polo PP para debater e aprobar o teito de gasto na Cámara galega cunhas présas que "empezan a ser costume por parte dun PP que pon a axenda do Parlamento ao servizo dos seus intereses na Xunta".

"Non imos apoiar nin pola forma nin polo fondo este teito de gasto cunha limitación que se autoimpón xa o propio goberno do PP, cun incremento raquítico que apenas se nota no orzamento para 2025 e que vai en detrimento de os servizos públicos esenciais", explicou a viceportavoz parlamentaria do BNG, que apelou á necesidade de dotar estes servizos dunha "inxección forte de recursos públicos".

Comentarios