CCOO e UXT convocan unha folga xeral no Estado de transporte por estrada

Na segunda quincena de outubro, no caso de non regularse a xubilación anticipada dos condutores profesionais.
Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).
photo_camera Varios camións agardando nunha central loxística de transporte (Alberto Ortega / Europa Press).

Comisións Obreiras (CCOO) e a Unión Xeral de Traballadores (UXT) informaron esta terza feira da convocatoria dunha folga xeral na segunda quincena de outubro no sector do transporte por estrada, no caso de non regularse a xubilación anticipada dos condutores profesionais.

Representantes de ambos os sindicatos explicaron que este anuncio responde ao "bloqueo sistemático" por parte do Goberno estatal e das distintas patronais á reivindicación de adiantar a idade de xubilación dos condutores, "unha reivindicación" que vén facéndose desde hai 20 anos".

Paco Vegas, secretario federal do sector de Estradas e Loxística de CCOO, afirmou que esta medida xustifícase polo "alto índice de sinistralidade" no sector debido á alta idade dos condutores. 

"O número de accidentes mortais que vén sufrindo o colectivo está moi por enriba da media, e hai estudos que demostran a alta accidentalidade a partir dos 55 anos", expuxo.

"A folga xeral sectorial non é unicamente para esixir a regulación ao Goberno, é unha folga contra as patronais do transporte por estrada, porque son responsábeis directas das nosas condicións de traballo e de garantir a seguridade e saúde das persoas condutoras de idade avanzada", precisaron os representantes sindicais.

Pola súa parte, Pedro Aller, vicesecretario xeral da Federación de Servizos, Mobilidade e Consumo de UXT, defendeu a convocatoria da folga e desmentiu o argumento das organizacións patronais en contra da xubilación anticipada, pois estas esgrimen que "non hai condutores".

"É mentira. Se non hai condutores é porque as condicións laborais son precarias", sostivo, argumentando a súa postura cunha comparación cos maquinistas, "sector que goza de mellores condicións", concluíu.

Comentarios