O comité de Alcoa denuncia "abandono" da Xunta en relación coa ampliación da balsa de lodos

Recrimina que o presidente da Xunta está "moi involucrado en futuros proxectos" mentres deixa "de lado" á Mariña e os seus traballadores.

Balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao, Cervo, na Mariña (Foto: Adega).
photo_camera Balsa de lodos de Alcoa en San Cibrao, Cervo, na Mariña (Foto: Adega).

O presidente do comité de Alcoa, José Antonio Zan, denunciou "abandono" por parte da Xunta da Galiza por non convocar unha reunión para informar sobre a situación da ampliación da balsa de lodos vermellos (DBR).

Nun comunicado, o comité relata que o comité de Alcoa de San Cibrao solicitou o 18 de xuño unha reunión coa Xunta para tratar o tema de aprobación da balsa de lodos. Tras recibir contestación de que sería nunhas semanas, critican que "a día de hoxe" seguen sen ter esa reunión.

"Lamentamos a falta de compromiso do Goberno da Xunta, dado que o novo Goberno só se reuniu co comité unha vez desde que substitúe Alberto Núñez Feixoo, que ademais queremos lembrar que foi a Xunta a que asegurou en decembro do 2021 que o permiso estaría para xuño do ano 2022", asegura.

Apunta que na reunión técnica do 6 de maio comunicouse ao comité de empresa que unha vez que o proxecto pase de Saúde Pública a Medio Ambiente o proceso para a autorización "sería un proceso moi breve, xa que teñen moitos temas avanzados".

Agrega que na reunión de seguimento de acordo do 12 de xuño, celebrada en Madrid, "comunícase que o proxecto xa está no medio Ambiente, pero a día de hoxe, mes e medio despois, a autorización segue sen chegar".

Así, recrimina que o presidente da Xunta está "moi involucrado en futuros proxectos" mentres deixa "de lado" á Mariña e os seus traballadores.

Por todo iso, o comité reproba un "abandono claro" por parte da Xunta, que, "a pesar de insistirlle sempre da importancia do proxecto, levan tres meses sen reunirse co comité para continuar con esas mesas técnicas".

Comentarios