Alcoa alerta ao persoal de que a fábrica recibirá visitas de compradores

A multinacional indica que hai seis posíbeis interesados que visitarán as instalacións nos próximos días.
Factoría de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo (A Mariña). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao, no concello de Cervo (A Mariña). (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Alcoa informa de que empresas interesadas no seu complexo en San Cibrao, municipio de Cervo (A Mariña), un total de seis, mostraron o seu interese pola compra. Por iso, a multinacional do aluminio explica nun comunicado que se traslada a estas compañías, que se espera presenten as súas ofertas non vinculantes a comezos de xullo, un plan de negocio actualizado. Ademais, apunta que realizará presentacións e concertará unhas visitas que "son unha parte importante e estándar do proceso de venda".

Respecto diso, Alcoa empraza ao seu persoal para seguir desempeñando as súas funcións "como de costume neses momentos" malia que entende "que pode haber estrés e causar distraccións". Con todo, a multinacional engade que "a seguridade e benestar seguen sendo máxima prioridade" polo que lles piden que estean "concentrados en traballar de forma segura".

O comité "non renegocia"

Esta pasada terza feira, o comité de empresa de Alcoa reuniuse cos traballadores e traballadoras da empresa para trasladarlles as decisións acordadas na última xuntanza, entre as que están "non renegociar" coa empresa e esixir a supervisión da Xunta e o Goberno estatal en caso de venda.

Recuperan ademais unha reclamación recorrente, que é a de exixir ás administracións un prezo da enerxía máis competitivo "que garanta a viabilidade do complexo". Por este motivo solicitaron manter varias reunións con cargos socialistas para que lles informen dos parques de transición ecolóxica que "seguen sen aprobarse".

Por último, piden reunirse coas asesorías xurídicas da Xunta e o Goberno estatal para traballar xunto ao comité de empresa e os sindicatos sobre "posíbeis delitos de estafa, sabotaxe ao rachar o convenio".

Comentarios