Unha empresa mineira con sede en madrid busca litio nas comarcas da Limia e Verín

Veciñanza dos concellos afectados recolle alegacións aos proxectos.
Traballos de prospección dunha mina de litio en Santa Comba. (Foto: Eurobattery)
photo_camera Imaxe de arquivo de traballos de prospección dunha mina de litio en Santa Comba. (Foto: Eurobattery)

Unha empresa con sede social na exclusiva rúa madrileña Serrano está detrás dos tres proxectos para a procura de litio que afectan seis concellos de dúas comarcas do sueste galego, Verín e A Limia. Os permisos solicitados por Omega Real Estate SL son para investigación mineira e afectarían unha área total de máis de 3.500 hectáreas. Veciñanza destas comarcas empezou a organizarse para solicitar a paralización dos tres proxectos.

Os permisos que solicitou Omega Real Estate na Galiza son tres e teñen en común buscar litio, principalmente, mais tamén outros minerais como estaño, volframio e tántalo. "Novo Frixo", que afecta os concellos de Laza, Cualedro (ambos os dous na comarca de Verín) e Sarreaus (A Limia), é o máis grande, abranguendo 85 cuadrículas mineiras, ao redor de 2.290 hectáreas. Verín e Vilardevós (na comarca de Verín) están no proxecto "Novo Cima", 420 hectáreas; mentres que o de "Novo Arboim" supón prospeccións nunha zona de 800 hectáreas en Oímbra (tamén na comarca verninesa).

Ademais, e tal e como denuncian Sindicato Labrego Galego e Ecoloxistas en Acción, nos permisos solicitados para realizar estas investigacións  inclúense terreos que están en Portugal. A publicación en xuño no Diario Oficial da Galiza das solicitude destes permisos puxo en alerta a veciñanza destas comarcas. Houbo reunións informativas, xuntanzas con alcaldes dos concellos afectados polas prospeccións e constituíronse plataformas, agrupadas nunha conxunta denominada Comarcas A Limia-Verín Mina Non. O seguinte paso foi o de iniciar unha recollida de alegacións para pedir que se paralicen esas solicitudes, denunciando o impacto medioambiental e socioeconómico destes proxectos. 

Mikel Nieto, veciño de  Freande, en Sarreaus, e integrante da plataforma Minas Novo Freixo Non, apunta á "preocupación" e "inquietude" na veciñanza ante o impacto que estes proxectos poden ter nestas comarcas, cun importante peso do sector primario. "Por exemplo, aquí nacen os ríos Támega e Limia, calquera actividade mineira sobre eles ou os seus afluentes sería moi grave", indica a Nós Diario. Nieto sinala que nas conversas mantidas con alcaldes como o de Cualedro ou Sarreaus estes comprometéronse a "estar coa veciñanza". 

Margarida Prieto, do SLG, enmarcou estas solicitudes nun "momento de preocupante presión sobre o rural galego".  "Cando aínda estamos en plena loita contra a posíbel instalación dunha macrocelulosa na Ulloa, atopámonos con esta restra de solicitudes de permisos de investigación mineira".

 As solicitudes realizadas por Omega Real Estate chegan un ano despois de que unha empresa canadense —IberAmerican Lithium— comprara 100 % de dúas minas (Alberta II e mais Carlota) na comarca do Ribeiro. A multinacional afirmaba daquela que o seu obxectivo era "descubrir o potencial sen explotar do litio" no territorio galego.

Hai apenas un mes, o 10 de xuño, o Consello do Goberno galego aprobou o Plan de desenvolvemento de dereitos mineiros, unha iniciativa que vai examinar os 200 dereitos para minaría —de permisos de explotación a concesións—que están caducados. A idea do Executivo que preside Alfonso Rueda é, na medida do posíbel, volver sacalos ao mercado.

Comentarios