Un mes máis coa maior alza de prezos: Galiza rexistra a inflación máis alta do Estado en xuño

A última vez que a inflación rexistrou unha taxa interanual negativa na Galiza foi en decembro de 2020. Neste sentido, desde o comezo de 2021, hai tres anos e medio, os prezos subiron 20,6%. Trátase dun período no que a Galiza rexistrou a segunda maior alza de custos entre as autonomías do Estado, só por detrás de Castela-A Mancha. Hoxe, o maior aumento do cesto da compra na Galiza persiste. A inflación aumentou 3,7% a nivel galego mentres que o IPC estatal rexistrou unha taxa de 3,4%.
Unha muller facendo a compra nun supermercado (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
photo_camera Unha muller facendo a compra nun supermercado (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu na Galiza 3,7% en xuño en relación ao mesmo mes do ano anterior, marcando unha vez máis a taxa máis alta entre o conxunto das autonomías do Estado ao rexistrar unha alza tres décimas porcentuais por riba da media estatal (3,4%), segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

Desta maneira, o IPC interanual descende tres décimas porcentuais con respecto á taxa que marcou na Galiza en maio (4%), aínda que ao igual que naquel mes, segue a ser a máis alta entre todas as autonomías.

En variación mensual, é dicir, con respecto ao mes de maio, a inflación na Galiza aumentou en xuño 0,3%, neste caso unha décima porcentual por baixo da media do Estado español, onde a alza de prezos en termos mensuais foi de 0,4%.

Co descenso de xuño, a inflación pon fin na Galiza a tres meses consecutivos de ascensos da súa taxa interanual despois dos aumentos experimentados en marzo, abril e maio.

En variación mensual, a inflación acumula no país seis meses seguidos, todos os de 2024 até o momento, en positivo. Estas subas rexístranse despois de que a taxa mensual do IPC en decembro de 2023 fora de 0%, co que a última caída foi en novembro do pasado ano.

A subxacente mantense outro mes na taxa de 3%

A inflación subxacente, sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos, (neste caso a nivel estatal, xa que o INE non ofrece o dato galego), mantívose en xuño en 3%, a mesma taxa que en maio.

Por outra parte, na Galiza, vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis foi o apartado que maior encarecemento interanual rexistrou en xuño (5,7%). Restaurantes e hoteis (5,3%) e alimentos e bebidas no alcohólicas (4,8%) tamén experimentaron unha importante suba de prezos.

Ademais, o incremento do custo das bebidas alcohólicas e do tabaco foi de 3%, o da vestimenta e o calzado de 1%, o dos móbeis e outros artigos do fogar de 1,2%, o de sanidade de 2%, o do transporte de 3,2%, o das comunicación de 0,1% e o do lecer e a cultura de 2,9%, mentres que os outros bens e servizos encareceron 3,6%.

Pola súa parte, na variación mensual, o lecer e a cultura rexistrou a maior repunta (2%), xunto aos apartados doutros bens e servizos (1%) e de vivenda, auga, electricidade, gas e outros combustíbeis (0,9%).

O aceite de oliva triplicou o prezo desde o ano 2021

O INE tampouco ofrece datos desagregados para a Galiza dos produtos e servizos concretos na súa estatística. Neste sentido, a nivel estatal e en taxa interanual, o produto que máis subiu de prezo foi o aceite de oliva (53,7%), que acumula unha repunta de 191,2% desde xaneiro de 2021, o que significa que case triplicou o custo durante os últimos tres anos.

En xuño destacaron tamén as subas interanuais dos prezos do transporte marítimo de pasaxeiros e pasaxeiras (26,9%), os paquetes turísticos a nivel estatal (21,7%), os zumes de froitas e vexetais (18%), así como as cotas de subscricións a canles de televisión (15,4%).

Pola súa parte, os produtos e os servizos que máis baixaron de prezo en xuño con respecto ao mesmo mes do ano pasado foron os outros tipos de aceites (-14,8%), os equipos de telefonía móbil (-8,3%), os ordenadores persoais (-7,9%), os voos internacionais (-7,8%) e o gas natural (-7,7%).

En termos mensuais, o que máis subiu de prezo en xuño respecto ao mes anterior foron os paquetes turísticos a nivel estatal (18,6%) e os voos en territorio estatal (14,3%). 

Por contra, segundo Estatística, o que máis baixou o custo foron os legumes e as hortalizas (-4,5%) e o gas natural (-3,1%). O aceite de oliva, pola súa parte, baixou o seu prezo 2,4% respecto ao mes de maio, rexistrando o segundo recorte mensual seguido, o que non sucedía desde xullo de 2022.

Comentarios