Yolanda Díaz anuncia un acordo entre PSOE e Sumar para derrogar a Lei mordaza

Ambas as formacións que integran o Goberno español comprométense tamén a retirar as subvencións aos medios que vulneren os códigos deontolóxicos.
Pedro Sánchez, María Jesús Montero e Yolanda Díaz nun pleno recente do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, María Jesús Montero e Yolanda Díaz nun pleno recente do Congreso. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, avanzou esta terza feira que as dúas formacións que integran o Goberno de coalición, PSOE e Sumar, veñen de alcanzar un acordo para derrogar a Lei mordaza, no marco do paquete de "medidas de rexeneración democrática" anunciadas recentemente polo presidente, Pedro Sánchez.

Díaz precisou en declaracións aos medios desde Bruxelas que Sánchez comparecerá esta cuarta feira, ás 9 horas, para anunciar as medidas acordadas hoxe polos socios de Goberno. "E tamén unha lei que vai impedir que quen vulneren os códigos deontolóxicos no exercicio do xornalismo serán privados de subvencións e financiamento público", explicou a ministra, en relación á Lei de publicidade institucional.

A derrogación da Lei mordaza era unha das principais aspiracións de Sumar, que xa rexistrou no Congreso unha proposición de lei para reformala, retomando o texto do relatorio que decaeu a lexislatura pasada e que deixaba os aspectos que xeraron discrepancias con formacións como BNG, ERC ou EH Bildu, que demandaban eliminar nesta lei o uso de pelotas de goma —entre outros aspectos—, á negociación entre os grupos parlamentarios.
[EN AMPLIACIÓN]

Comentarios