Alcoa asegura que ten seis posíbeis compradores e pide máis tempo

Na xuntanza desta cuarta feira quedaron algunhas preguntas do comité sen contestar, como a situación do forno de cocción ou como pensan cumprir o acordo de viabilidade que chega até 2027.
Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Factoría de Alcoa en San Cibrao, Cervo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Esta cuarta feira pola mañá decorreu en Madrid, na sede do Ministerio de Industria, a 18º reunión de seguimento do acordo de viabilidade entre as administracións e representantes da multinacional Alcoa máis o seu comité de empresa en San Cibrao, Cervo (A Mariña). Na xuntanza aclarouse que a Xunta da Galiza e o Ministerio de Industria asinaron un contrato de confidencialidade de todo o proceso.

Segundo o comité, desde a multinacional aseguraron que están a traballar en dous procesos simultáneos. Por unha parte, a venda; doutra banda, avaliando unha posíbel continuidade, aínda que neste segundo caso apunta que haberá "perdas significativas" nos próximos anos.

67 potenciais interesados

En relación á venda, Alcoa afirma que contactou con 67 "potenciais interesados" e conta cun contrato de confidencialidade cos que un terzo deles asinaron contrato de confidencialidade con parte delas. Ademais, asegura que recibiu seis respostas non vinculantes —aínda que non as considera polo de agora ofertas— á espera de que visiten a fábrica e traten os "puntos críticos" polo miúdo para ter algo en firme a principios de xullo.

Na parte de refinaría, Alcoa demanda "certezas" sobre o depósito de lodos vermellos (DBR) e confirma que continúa coas análises do residuo. Con todo, a empresa demanda unha autorización de ampliación polo incremento da produción. Pola parte do aluminio, a multinacional segue exixindo "competitividade" no relativo á enerxía, maximizando as compensacións por CO2.

O Goberno español, durante a reunión, recoñeceu que coñece o nome dos posíbeis compradores e informou que empezará a contactar "moi cedo" con eles —non sen antes analizar, coa Xunta, a súa solvencia—.

Preguntas sen contestar

Por parte do comité de empresa critican que a compañía asinase un acordo, asegurando que non había un problema económico, e agora desmonte unha planta de ánodos para convertela nun almacén. Na xuntanza quedaron algunhas preguntas do comité sen contestar, como a situación do forno de cocción ou como pensan cumprir o acordo de viabilidade que chega até 2027.

En relación á DBR, a Xunta asegura que Alcoa lle remitiu a información requirida para continuar co proceso e está a ser revisada para proceder á autorización de maneira inmediata. Aínda así, afirman que se pode traballar en paralelo para nun futuro catalogar o residuo como non perigoso se as análises así o confirman.

Comentarios