María Corina Machado non recoñece a vitoria de Nicolás Maduro e chama as Forzas Armadas venezolanas a "facer respectar o voto"

O presidente venezolano, Nicolás Maduro, obtivo unha vantaxe de sete puntos sobre o principal rival da oposición, Edmundo González.
Edmundo González e María Corina Machado, esta segunda feira (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA vía Europa Press).
photo_camera Edmundo González e María Corina Machado, esta segunda feira (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA vía Europa Press).

Nicolás Maduro, presidente de Venezuela e candidato á reelección polo Gran Polo Patriótico, gañou este domingo os comicios presidenciais e encamíñase ao seu terceiro mandato consecutivo como sucesor do líder revolucionario Hugo Chávez.

O triunfo de Maduro, que o acredita para gobernar Venezuela durante o período presidencial 2025-2031, contou co respaldo de 51,2% dos sufraxios avalados polo Consello Nacional Electoral (CNE), segundo informou o seu presidente e reitor principal, Elvis Amoroso, en declaracións desde a sede do Poder Electoral en Caracas.

Este primeiro boletín con "tendencia contundente e irreversíbel", indicou o presidente do Consello Nacional Electoral, foi emitido tras cumprirse a transmisión de 80% dos votos escrutados e cun nivel de participación electoral de 59%.

Entre tanto, Amoroso detallou que o segundo lugar dos comicios foi para o opositor Edmundo González, da Plataforma Unitaria Democrática, quen obtivo 44,2%, sete puntos por debaixo de Maduro. Ademais, indicou, que a suma doutras candidatura obtivo 4,6% dos apoios nas eleccións presidenciais deste domingo.

"É o triunfo da paz, do ideal republicano, das ideas da igualdade. Este, comandante Hugo Chávez, é o teu triunfo", sostivo Maduro tras unha vitoria que coincidiu co aniversario do líder bolivariano que lle precedeu na Presidencia da República de Venezuela.

Maduro pediu a terceiros Estados "respecto á Constitución, aos poderes públicos, á vida soberana de Venezuela e á vontade popular", tras pronunciamentos adiantados por parte de varios Gobernos que puxeron en dúbida a súa vitoria.

Hackeo do sistema electoral

Maduro denunciou que o sistema electoral foi atacado "masivamente" desde o estranxeiro e responsabilizou a axentes locais de estar implicados na manobra, pois, segundo afirmou, estes pretendían impedir que se anunciasen os resultados.

"Venezuela sufriu un ataque, un hackeo masivo. Xa sabemos de que país vén [nunha clara referencia aos Estados Unidos]. Un ataque masivo ao sistema de transmisión do CNE porque os diabos e as diabas non querían que se totalizase e se dese o resultado hoxe", acusou, á vez que instou á Fiscalía para adiantar a correspondente investigación e sancionar aos culpábeis.

Machado non recoñece o resultado e chama as Forzas Armadas a actuar

A principal forza da oposición, a Plataforma Unitaria Democrática, encabezada por María Corina Machado, non recoñece o resultado. “É unha aldraxe á verdade”, salientou a dirixente ao denunciar irregularidades na transmisión das papeletas. Neste sentido, o candidato da formación reivindicou a súa vitoria cun 70% das papeletas.

“Venezuela ten un novo presidente electo e é Edmundo González Urrutia. Gañamos! E todo o mundo o sabe. Quero que saiban que isto foi algo tan abafador e grande que gañamos en todos os sectores do país”, dixo Machado, que non se puido presentar ás eleccións xa que está inhabilitada por un período de 15 anos.

"O deber das Forzas Armadas é facer respectar o voto, e iso é o que esperamos dos nosos militares", apuntou tamén a líder opositora, á vez que engadiu que "violencia é aldraxar a verdade e nós imos defender a verdade", nunha mensaxe entendida por moita xente como un chamamento a un golpe de Estado, é dicir, a derrocar ao Goberno venezolano pola forza.

Porén, outros candidatos opositores de Venezuela recoñeceron os resultados ofrecidos polo Consello Nacional Electoral e por tanto a vitoria de Nicolás Maduro. Un dos primeiros en reaccionar foi Benjamín Rausseo, da Confederación Nacional Democrática, que chamou a respectar “o veredicto do árbitro” e expresou o seu “respaldo” ao CNE.

Pola súa parte, o candidato de Arepa Dixital, Daniel Ceballos, trasladou os seus parabéns a toda a cidadanía venezolana pola xornada electoral, que decorreu nun escenario sen violencia, e defendeu que Venezuela é capaz de “resolver as diferencias” a través do voto.

Na mesma liña, o aspirante de Primeiro Venezuela, José Brito, lembrou que se comprometeron en todo momento a recoñecer o resultado oficial do CNE. “Dixemos que recoñeceríamos os resultados electorais e o chamado á paz”, sinalou o candidato.

Sistema comprobadamente encriptado e observación internacional

Dous dos cinco membros do Comité Nacional Electoral son considerados de tendencia opositora ao chavismo. Ademais, tal e como sostiña o diario El País apenas tres días antes da contenda electoral, “a transmisión do voto no sistema automatizado local está comprobadamente encriptado e as máquinas imprimen actas para que as testemuñas electorais poidan constatar os resultados co que anuncie o CNE”.

“O sistema foi varias veces auditado e non parece haber dúbidas sobre a garantía do seu segredo. Esta é unha certeza que ten a dirixencia da oposición, e tamén a cidadanía, que o foi aprendendo elección tras elección”, sostiña o xornal xeneralista en papel máis lido do Estado español.

Ademais, as eleccións presidenciais deste domingo contaron con centos de observadores e observadoras internacionais procedentes de institucións como as Nacións Unidas, a Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) ou da Unión Africana.

Por outra parte, tanto o Goberno de Maduro como a oposición anunciaron que esperaban a chegada dos seus respectivos invitados internacionais para que presenciasen o esforzo electoral e salvagardasen a democracia. Ademais, ex presidentes e diversos funcionarios políticos de América Latina, Estados Unidos e Europa foron chamados á cita.

[EN ACTUALIZACIÓN]

Máis en INTERNACIONAL
Comentarios