O chavismo afronta os seus comicios máis difíciles cun Maduro que busca un terceiro mandato

A oposición aspira a aplicar privatizacións masivas e acudir ao FMI.
O presidente venezolano, N. Maduro, e o seu principal rival, E. González, na madrugada da sexta feira. (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA / PUD)
photo_camera O presidente venezolano, N. Maduro, e o seu principal rival, E. González, na madrugada da sexta feira. (Foto: Jeampier Arguinzones / DPA / PUD)

Máis de 21 millóns de venezolanas e venezolanos deciden o domingo se outorgan a reelección ao progresista Nicolás Maduro (Gran Polo Patriótico Simón Bolívar) ou se apostan polo conservador Edmundo González (Plataforma Unitaria Democrática).

Nas eleccións máis disputadas desde que Hugo Chávez se impuxo nos comicios de 1998, e que determinarán se o seu movemento socialista e soberanista prosegue a súa implementación tras superar os momentos máis complicados hai un lustro ou se as antigas elites derrotadas por Chávez recuperan o control do Estado da man de María Corina Machado, que foi elixida en outubro candidata da PUD cando estaba inhabilitada para ocupar cargos públicos por corrupción.

Machado, vinculada coa extrema dereita tanto no continente americano como no europeo, nomeou González como o seu substituto mais mantén o control até o punto de que o candidato aínda non perfilou o seu programa electoral propio, que en todo caso terá o enunciado por Machado como base, e anunciou que ela terá a posición que “desexe” no Executivo no caso de imporse.

Aínda que oito candidatos máis están inscritos, ningunha enquisa lles outorga posibilidades reais de alcanzar o Palacio de Miraflores. Nese sentido, os traballos demoscópicos publicados difiren enormemente dependendo de se están máis próximos aos progresistas ou aos conservadores, sostendo os primeiros que Maduro gañará cunha ampla maioría e os segundos que o fará González.

Ao respecto, o presidente da consultora Datanalisis, Luis Vicente León, debulla que arredor dun terzo do electorado non se considera aliñado con ningún dos dous candidatos. Esta parte da poboación pode ser determinante no resultado final, apunta o ex ministro de Industria con Chávez e agora afastado de Maduro Gustavo Márquez, que detalla que apostar “todo en Machado” pode ser contraproducente posto que, aínda que hai un sector do voto opositor “fanatizado, o resto non”.

En Venezuela só se desenvolve unha rolda electoral nos comicios presidenciais, na que se elixirá o xefe de Estado que tomará posesión en xaneiro de 2025 por un período de seis anos.

O principal eixo de campaña de Maduro, inserido na folla de ruta marcada por Chávez, son o que denomina as sete transformacións, que abordan desde o impulso dun “novo modelo económico nacional” até a “protección e o desenvolvemento social” cunha mellora da redistribución da riqueza, comprometéndose cunha “transformación política e do poder popular e novos métodos de goberno revolucionario” e a enfrontar a “emerxencia climática mundial”. En paralelo, defende a “xeopolítica de paz e integración”, un aspecto no que se incluiría a petición do país de ingresar no grupo Brics.

Á vez, González subliña que aplicará políticas a favor da libre empresa que diminúan ou acaben co papel do Estado na economía. Asemade, Machado puxera o foco nas súas propostas de campaña nun programa de privatizacións masivas, especialmente de Petróleos de Venezuela, pero tamén do sistema sanitario ou do ensino. Tamén pretende acudir ao Fondo Monetario Internacional (FMI) para buscar financiamento, un organismo que exixe para brindar préstamos fortes recortes do gasto social e a implementación de políticas neoliberais. Amais, González incidiu en que liberará o que define como “presos políticos”. A nivel internacional sinalou que, ademais de cos Estados Unidos, tamén quere ter “cordiais relacións” coa China e Rusia.

A favor dun González que no caso de vencer terá que cohabitar cunha Asemblea Nacional dominada polos progresistas está que nesta ocasión e a diferenza de eleccións anteriores a oposición se presenta máis unida.

Pola súa parte, Maduro chega ás votacións após unha nova polémica con mandatarios progresistas na rexión logo de advertir que se os conservadores gañan desatarán un “baño de sangue”, o que foi cuestionado polo brasileiro Lula da Silva e o chileno Gabriel Boric. Nese contexto o Goberno pediu ao ex presidente arxentino Alberto Fernández, convidado como observador, que non se desprazase despois de afirmar que se Maduro perde ten que “aceptar”, o que considerou unha inxerencia.

Venezuela superou as sancións coercitivas e o intento de golpe de Estado de Guaidó

Aínda que o país foi quen de recuperarse nos últimos anos Maduro tivo que enfrontar as peores crises do chavismo. Despois de que se impuxeran en 2015 as primeiras sancións dos Estados Unidos, en 2017 comezou unha vaga delas que limitaron a capacidade de vender petróleo, gas natural ou ouro, provocando que ese mesmo ano non puidera facer fronte aos pagos de débeda e desatando unha importante onda migratoria e o aumento da fame.

En 2019 a oposición autoproclama presidente Juan Guaidó co apoio estadounidense, que lle entrega o control de empresas públicas venezolanas no estranxeiro estrangulando a capacidade económica do país. A súa mala xestión está a ser usada por Washington para roubar Citgo, unha empresa pública venezolana nos EUA, e poxala.

Comentarios