Ás 19.30 horas desta sextas feira está previsto que comece a cerimonia de apertura dos Xogos Olímpicos de París, un evento innovador que por vez primeira non decorrerá no estadio olímpico, senón a través das augas do río Sena. E a escasas horas desta inauguración, con todo París blindado por terra, mar e aire, os problemas parecen xurdir en diferentes frontes.
A primeira hora da mañá coñeciamos a sabotaxe en diferentes puntos da rede ferroviaria francesa de alta velocidade, e este mediodía as autoridades informaron tamén de que o Euroaeroporto que dá servizo ás cidades de Mulhouse (Francia), Basilea (Suíza) e Friburgo (Alemaña) tivo que ser temporalmente evacuado tras recibir unha suposta ameaza de bomba, se ben hai escasos minutos puido retomar as operacións. Non é a primeira vez que se produce unha falsa ameaza de bomba neste aeroporto.
As autoridades aseguran ter todo controlado para a cerimonia desta tarde a través dun amplo dispositivo que inclúe uns 50.000 axentes entre militares e policías.
"Sabían onde golpear"
O primeiro ministro francés, Gabriel Attal, asegurou que os sabotadores da rede ferroviaria "sabían onde golpear", se ben aínda non transcendeu a súa identidade nin as motivacións concretas do ataque. A Fiscalía e os servizos secretos xa investigan este ataque que consideran coordinado e que afecta até 800.000 viaxeiros e viaxeiras na fin de semana na que comezan os Xogos.
[EN AMPLIACIÓN]