Biden e Harris selan o apoio a Netanyahu no medio do xenocidio en Gaza

Grupos sionistas gastan 46 millóns de euros para garantirse políticas afíns.
Os líderes dos Estados Unidos, Joe Biden, e Israel, Benjamin Netanyahu, en outubro de 2023. (Foto: Avi Ohayon / GPO / DPA vía Europa Press)
photo_camera Os líderes dos Estados Unidos, Joe Biden, e Israel, Benjamin Netanyahu, en outubro de 2023. (Foto: Avi Ohayon / GPO / DPA vía Europa Press)

O presidente estadounidense, Joe Biden, e a vicepresidenta Kamala Harris, que todo indica que será a designada polo Partido Demócrata como candidata para enfrontarse en novembro ao ex mandatario Donald Trump (Partido Republicano), prevían xuntarse a quinta feira por separado co primeiro ministro do Goberno de extrema dereita israelí, Benjamin Netanyahu, apenas 24 horas despois da súa intervención perante o Congreso dos Estados Unidos.

Ese discurso, pronunciado mentres milleiros de persoas protestaban contra a agresión militar a Palestina que está a perpetrar o réxime de apartheid sionista, non contou coa presenza da metade dos representantes demócratas. O reconto do portal Axios sinala que asistiron un centenar dos 212 da Cámara de Representantes e 28 das 51 senadoras e senadores.

Tampouco asistiu á sesión alegando problemas de axenda Harris, que coa xuntanza con Netanyahu aspiraba a rematar coas especulacións ao respecto logo de manter unha posición pública lixeiramente menos pro sionista que Biden no tocante ao que persoas expertas da Organización das Nacións Unidas (ONU) consideran un xenocidio e unha limpeza étnica en Gaza, e que levou á emisión de medidas provisorias incumpridas por Israel por parte do Tribunal Internacional de Xustiza (TIX) e á petición dunha orde de arresto da Fiscalía do Tribunal Penal Internacional (TPI) a Netanyahu, entre outras persoas, por crimes de guerra e contra a humanidade.

Un apoio bipartidista

Máis alá das aparentes diverxencias sobre Israel de ambas as formacións o certo é que foi tanto o liderado republicano como o demócrata nas dúas Cámaras o que asinou a misiva co convite ao líder sionista.

De feito, segundo revelan os datos recompilados pola plataforma Open Secrets, só nas campañas ao Congreso desde 1990 e até finais de xuño o Partido Demócrata recibiu como mínimo 140 millóns de euros por parte de doantes sionistas, namentres os republicanos non chegan aos 85 millóns. Só desde 2023 inxectaron 46 millóns de euros na campaña, a maioría, pouco menos de 28 millóns, aos demócratas.

O propio Biden é o principal político receptor de fondos sionistas, con case 5 millóns e medio de euros desde 1990, ao tempo que Harris obtivo 170.000 euros para a súa campaña ao Senado, onde estivo entre 2017 e 2021 antes de facerse coa Vicepresidencia, e herdou o millón e medio de euros que foran entregados inicialmente á campaña de Biden até o mes pasado. De forma previsíbel esta cifra aumentou xa exponencialmente após recadar Harris 75 millóns de euros a nivel xeral nas primeiras 24 horas desde o anuncio de Biden de que renunciaría a intentar ser reelixido.

Os medios sionistas sosteñen que, malia que “se lle percibe como máis comprensiva coa causa palestina que o presidente Biden”, apunta o semanario The Jewish Chronicle, a súa liña política será en esencia a mesma, algo que confirman os seus “estreitos vínculos”, indica a ex asistente do xefe de gabinete do Departamento de Interior estadounidense Lily Greenberg, co Aipac, o Comité de Asuntos Públicos Estadounidense-israelí.

Esta organización é o principal lobby sionista nos Estados Unidos, como amosa que entre 2023 e até o 21 de xuño estivera detrás de case 40% das entregas de cartos de grupos pro israelís, arredor de 15 millóns por riba do segundo lobby sionista, a Coalición Xudía Republicana, e o responsábel clave de manter inmutábel o apoio ao réxime de apartheid entre as elites estadounidenses e da designación de responsábeis políticos favorábeis a Israel. Nese sentido, é o Comité de Acción Política (PAC), como se denominan no país as entidades privadas que buscan influír nos comicios, que máis diñeiro recadou para o Partido Demócrata e o Republicano nestas eleccións.

O caso de Jamaal Bowman é un dos exemplos máis claros do seu papel determinante nun sistema político como o estadounidense, no que “se vostede quere postularse pero non pode atraer o diñeiro dos ricos a maioría das veces non pode competir”, detallou á BBC Jeffrey Winters, docente de Ciencias Políticas da Universidade Northwestern, abundando en que neste contexto “o papel do poder da riqueza é limitar os candidatos a unha cifra moi pequena de persoas que xa son aceptábeis para os oligarcas” e entre unha grande opacidade sobre o financiamento.

Bowman é o representante demócrata polo distrito 16 de Nova York e un dos críticos máis destacados do xenocidio en Palestina. Para evitar a súa reelección en novembro nunha área dominada polos demócratas un PAC relacionado coa Aipac investiu nas primarias da formación case 14 millóns de euros, logrando que George Latimer, favorábel aos sionistas, fose o escollido como candidato. Con todo, os datos oficiais indican que Latimer, o candidato que máis cartos recibiu nesta campaña procedentes de fontes sionistas, apenas recibiu delas pouco menos de 3 millóns de euros.

Este contexto permitiu a Israel incluso ignorar en certas ocasións as liñas vermellas marcadas en público por Washington, como o ataque a Rafah, forzando Biden a cambiar a súa posición sen que afectara ao continuo envío de armamento a Israel por parte dos Estados Unidos, o seu principal aliado así como provedor de armas.

As negociacións de paz, na "fase final"

Un alto funcionario estadounidense transmitiu que as negociacións para un alto o fogo en Gaza, que Benjamin Netanyahu bloqueou repetidamente, están na súa “fase final”. Sexa como for, as declaracións de Netanyahu no Congreso deixaron entrever que se dirixen a un novo bloqueo, ao reivindicar de novo que lograrán unha “vitoria total” sobre Hamás. Así e todo, a organización palestina segue a resistir os ataques dun Exército israelí estancado en Gaza. Máis de 39.000 persoas foron asasinadas
na Faixa desde outubro.

Asemade, Biden dirixiuse á poboación para explicar a súa decisión de renunciar á candidatura á reelección, aducindo que pretende “salvar” a “democracia” ao pasar “o testemuño a unha nova xeración”.

Comentarios